Sada acolle o espectáculo ‘Vicio houbo sempre’, unha proposta de narración oral con Atenea García

O Concello de Sada continúa coa súa programación con motivo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e faino cunha proposta escénica cargada de humor, memoria e reflexión. O martes 19 de novembro, ás 19.00 horas, o Salón da OMIX acollerá ‘Vicio houbo sempre’, un espectáculo de narración oral dirixido a público adulto e interpretado por Atenea García.
A peza, cunha duración aproximada de 60 minutos, convida a mirar con tenrura e ironía as historias de vida de mulleres que superaron os 80 anos, ofrecendo unha perspectiva diferente sobre o paso do tempo, o desexo e a liberdade persoal.
Esta actividade, promovida pola área de Igualdade da Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Sada, enmárcase dentro da campaña provincial ‘Liberdade de ser e sentir!’ e busca fomentar a reflexión sobre a diversidade, o respecto e o papel das mulleres maiores na sociedade actual. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo.