Sada acolle 'As desterradas', a peza dirixida por Quico Cadaval dentro do programa Outono das Artes

A Concellería de Cultura de Sada programa para o domingo 1 de febreiro a representación de 'As desterradas', unha proposta teatral dirixida por Quico Cadaval que chega ao municipio da man do programa Outono das Artes da Deputación da Coruña. A cita será ás 19.00 h no auditorio da Casa da Cultura Pintor Llorens e a entrada será de balde ata completar aforo, cunha idade recomendada a partir de 13 anos.
A obra sitúanos no século XVI, nun convento á beira do Miño, onde unha pequena comunidade de monxas queda no punto de mira pola cobiza da xerarquía eclesiástica. A presión da Igrexa medra ata recorrer á difamación e á ameaza, pasando pola Inquisición e pola violencia señorial, mentres no interior do convento a vida semella continuar entre rutinas e silencios, coa sombra do perigo cada vez máis preto.
O texto, asinado por Carme Varela para Produccións Excéntricas, reconstrúe aquel tempo como un 'thriller' conventual no que se destaca a resistencia das comunidades de mulleres que buscaban manter a súa autonomía. Sobre o escenario, o elenco está formado por Melania Cruz, Patricia Vázquez, Rebeca Montero, Rocío González, María Costas e Víctor Mosqueira, nunha montaxe con iluminación de Laura Iturralde e dirección de Cadaval.