Sada acolle a XVI Foliada de Queiroa con música, castañas e baile na Praia de Cirro

A cultura tradicional volve tomar Sada este sábado 8 de novembro coa XVI Foliada de Queiroa, que se desenvolverá na Praia de Cirro, no local Ohana Nui. A organización, a cargo do colectivo Queiroa e co apoio do Concello de Sada, anuncia unha tarde completa de música, castañas, baile e outras propostas pensadas para todas as idades.
O programa abrirase ás 17.00 horas cunha foliadiña infantil. Ás 18.00 horas será a quenda do concerto de Ailá. A partir das 19.00 horas arrancará a foliada aberta, que integrará ademais o XIV Concurso de baile tradicional.
A entrada é libre e a organización anima á veciñanza e visitantes a participar activamente nesta festa da música e do baile de raíz.