Sada acolle a presentación de 'Tespis', un estudo sobre o teatro coruñés

O Concello de Sada organiza para o venres 21 de novembro, ás 19.00 horas, a presentación do libro 'Tespis' no Salón de Plenos. A obra, asinada por Francisco Oti Ríos, propón un estudo histórico e documental sobre a evolución do teatro coruñés a partir da experiencia do grupo Tespis, sen perder de vista outras iniciativas escénicas que xurdiron na mesma época noutros concellos da comarca.
A sesión contará cun apartado especial dedicado a Sada, onde o teatro afeccionado tivo unha notable implantación grazas á participación de numerosas veciñas e veciños. Persoas que formaron parte daqueles grupos serán convidadas a intervir para compartir en primeira persoa as súas vivencias sobre unha etapa que deixou fonda pegada na memoria cultural do municipio.
A presentación perfílase como unha oportunidade para recuperar a historia do asociacionismo escénico sadense e poñer en valor a contribución local ao panorama teatral da comarca.