Sada abre o prazo para sumar voluntariado á nova Agrupación de Protección Civil

O Concello de Sada vén de poñer en marcha a súa nova Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, un servizo pensado para reforzar a atención á cidadanía en situacións de emerxencia, prevención e apoio en actos públicos. A agrupación nace como un proxecto aberto a toda a veciñanza que queira colaborar de maneira altruísta e organizada ao servizo do municipio.
O prazo para incorporarse ao novo corpo de voluntariado está xa aberto e manterase até o 19 de decembro. Durante estas datas, as persoas interesadas poden presentar a súa solicitude de incorporación no Rexistro Xeral do Concello, acudindo presencialmente ás oficinas municipais, ou ben realizar o trámite de forma telemática a través da Sede Electrónica.
Desde o Concello subliñan que a futura Agrupación de Protección Civil terá un papel clave en dispositivos de seguridade en festas e eventos, apoio en operativos de tráfico, loxística en situacións de alerta meteorolóxica e colaboración cos servizos de emerxencias cando sexa preciso. Así mesmo, lembran que todo o persoal voluntario recibirá a formación necesaria para desenvolver estas tarefas con seguridade.
Para solicitar máis información ou resolver dúbidas, o Concello pon á disposición da veciñanza o correo electrónico avpc@sada.gal e o teléfono 981 620 075. O goberno local anima a participar a todas aquelas persoas con espírito solidario que desexen implicarse de forma activa na mellora da seguridade e da protección da comunidade sadense.