Sada abre o prazo para que nenas e nenos se inscriban como figurantes na Cabalgata de Reis 2026

ACoruñaXa
A Concellería de Cultura convocará rapazas e rapaces de 6 anos en diante para acompañar ás súas maxestades nas carrozas; as solicitudes poderán presentarse do 9 ao 21 de decembro a través da web municipal
SADA figurantes cabalgata
10 Dec 2025

A Concellería de Cultura do Concello de Sada vén de poñer en marcha a selección de figurantes que participarán na Cabalgata de Reis 2026. A partir deste luns 9 de decembro ábrese o prazo para que as familias inscriban ás nenas e nenos que desexen acompañar ás súas maxestades de Oriente nas diferentes carrozas do desfile.

Segundo as bases da convocatoria, poderán participar rapazas e rapaces que conten con 6 anos cumpridos antes do 1 de xaneiro de 2026. Os menores que formen parte de cada carroza irán sempre acompañados por monitores e monitoras de carácter educativo, encargados de garantir en todo momento a súa seguridade durante o percorrido da cabalgata.

No proceso de selección terán prioridade as solicitudes de persoas empadroadas en Sada, condición que será comprobada de oficio a través do Padrón Municipal. O número final de prazas determinarase en función dos criterios de seguridade asociados aos deseños das carrozas previstas para a Cabalgata 2026.

O prazo de presentación de inscricións manterase aberto dende o 9 de decembro ás 9.00 horas até o 21 de decembro ás 23.59 horas, un trámite que deberá realizarse mediante o formulario dispoñible na páxina web municipal sada.gal. As persoas seleccionadas deberán acudir ao desfile cun disfrace relacionado co Nadal, co obxectivo de dar máis cor e ambiente festivo ao conxunto da comitiva real.

O Concello anuncia que a listaxe definitiva de nenas e nenos admitidos publicarase a partir do 26 de decembro, tanto na Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) como na propia web do Concello, onde tamén se poden consultar ao detalle as bases completas de participación como figurante na Cabalgata de Reis 2026.

⚙ Configurar cookies
0.079507112503052