Sada abre o prazo das axudas ao transporte escolar para estudos non obrigatorios do curso 2025

A Alcaldía de Sada vén de aprobar a convocatoria das 'Axudas económicas aos desprazamentos co fin escolar para o curso 2025', dirixidas a apoiar ao alumnado empadroado no municipio que ten que desprazarse a outros concellos para realizar estudos non obrigatorios. O prazo de solicitude estará aberto entre o 21 de novembro e o 12 de decembro de 2025, ambos incluídos.
Estas axudas teñen como finalidade favorecer o acceso, a continuidade e a igualdade de oportunidades no sistema educativo do estudantado sadense que curse Bacharelato, ciclos formativos de Formación Profesional, estudos universitarios, ensinanzas artísticas superiores e outras ensinanzas oficiais de carácter non obrigatorio. O programa conta cun orzamento total de 9.000 euros, que se distribuirá entre as persoas solicitantes segundo os criterios de valoración establecidos nas bases.
Poderá optar ás axudas o alumnado empadroado en Sada durante todo o curso escolar, que resida a máis de 3 quilómetros do centro de estudos e estea matriculado en centros públicos en modalidade presencial. Quedan fóra da convocatoria os estudos de infantil, primaria e ESO, así como o alumnado de centros privados ou concertados e os programas cunha duración inferior a seis meses.
A baremación das solicitudes terá en conta a renda per cápita familiar, a distancia entre o domicilio e o centro educativo, a idade da persoa solicitante e a existencia de situacións sociofamiliares especiais, como familias numerosas ou monoparentais, núcleos con persoas dependentes ou vítimas de violencia de xénero. En función da puntuación acadada, as contías das axudas oscilarán entre 130 e 240 euros por persoa beneficiaria.
As solicitudes deberán presentarse preferentemente por vía electrónica a través da sede municipal, achegando o formulario normalizado, DNI, certificado de matrícula, documentación económica e, se é o caso, a acreditación das circunstancias familiares especiais. Entre o 1 e o 30 de abril de 2026, as persoas beneficiarias deberán xustificar a axuda mediante unha certificación do centro educativo que acredite estar de alta nese período, baixo pena de ter que devolver o importe percibido.
Desde o Concello de Sada subliñan que estas axudas pretenden aliviar a carga económica que supoñen os desprazamentos diarios para as familias, contribuír á equidade e apoiar o proceso formativo da mocidade que ten que saír do municipio para continuar cos seus estudos.