Sada abre a convocatoria para o Mercado Mariñeiro das Festas do Carme, cunha trintena de postos

ACoruñaXa
Os postos serán “gratuito para os comerciantes”, co obxectivo de dinamizar a economía local
mercado-marinheiro
10 Jun 2025

O Concello de Sada xa ten todo en marcha para unha nova edición das Festas do Carme, que se celebrarán os días 19 e 20 de xullo. Un dos eventos centrais será o tradicional Mercado Mariñeiro, que recupera o espírito mariñeiro da vila e rende homenaxe á súa estreita ligazón histórica co mar e a pesca.

A concellería de Cultura vén de abrir o prazo para solicitar a participación neste mercado, que se instalará no Paseo Marítimo, na contorna da zona portuaria. Está previsto habilitar un espazo con capacidade para 30 postos, que serán de carácter “gratuito para os comerciantes”, co obxectivo de favorecer a participación e dinamizar a economía local.

As persoas interesadas —tanto particulares como empresas e comercios— deberán presentar a súa solicitude a través da sede electrónica do Concello (sede.sada.gal). No caso das persoas físicas, tamén poderán optar pola presentación presencial no Rexistro Xeral. As bases reguladoras e o modelo de solicitude están dispoñibles na web municipal, e o prazo permanecerá aberto ata o 6 de xullo de 2025.

Desde a concellería de Cultura destacan o valor engadido que aporta o mercado ás festas, tanto desde o punto de vista económico como cultural. “Por medio desta proposta queremos destacar o valor cultural e artístico do oficio artesán e achegalo ao público da festa, destacando e apoiando o interese propio da actividade artesanal”, sinalan.

Neste mesmo sentido, a nova directiva da asociación ACESADA tamén anima aos seus asociados e ao tecido empresarial local a participar activamente. “Consideramos que é moi positivo que o tecido empresarial do pobo se involucre neste tipo de eventos”, subliñan desde a entidade.

O Mercado Mariñeiro busca, así, converterse nun espazo de encontro onde tradición, economía e cultura local se dean a man, contribuíndo a dar visibilidade ao traballo artesanal e á actividade comercial sadense durante unhas festas que cada ano atraen a milleiros de persoas.

⚙ Configurar cookies
0.1596360206604