Sabela actuará este sábado no Centro Cultural A Fábrica de Perillo

O Centro Cultural A Fábrica, en Perillo, acollerá este sábado 14 de febreiro o concerto de Sabela Ramil no marco do XIII Ciclo de Voces Cálidas para Noites de Inverno. A actuación comezará ás 20.30 horas e forma parte da programación musical de inverno impulsada no municipio.
Sabela é unha das voces máis visibles da nova escena do pop electrónico en Galicia, cun directo marcado por ritmos bailables e unha sonoridade moderna na que tamén incorpora elementos tradicionais. Nos últimos anos, a artista consolidou o seu proxecto en xiras por salas e en festivais como O Son do Camiño, BIGSOUND Pontevedra, SonRías Baixas, Festival do Pasatempo ou Festival Noroeste.
O concerto chega nun momento de expansión do seu repertorio, coa presentación do seu último traballo discográfico, ‘Bríllanche os olliños’, que acumula escoitas e recoñecementos, entre eles o Premio Martín Códax da Música na categoría de pop e indie, ademais de nominacións a distintos galardóns do audiovisual e da música.
As entradas poden mercarse con antelación a través da web e tamén no despacho de billetes do auditorio desde unha hora antes do inicio do espectáculo. O prezo é de 6 euros, ata completar capacidade.