Ruth Ortega: 'Dentro do coche homes e mulleres somos o mesmo'

ACoruñaXa
Con 30 anos e case unha década en competición, Ruth Ortega leva o motor 'desde que naceu' e reivindica máis presenza feminina nos rallyes. Nesta conversa polo 8M fala de apoio, constancia, maternidade e do seu novo proxecto, Balance 360, centrado na neurodiversidade
RUTH rallye
8 Mar 2026

Nun deporte no que a presenza feminina aínda é minoritaria, Ruth Ortega leva case unha década competindo e abríndose camiño a base de constancia. Polo 8M, falamos con ela sobre como foi medrar 'entre motores', o que supón manterse nun entorno maioritariamente masculino, o parón ao ser nai e o valor dos apoios para seguir en carreira.

Quen é Ruth Ortega e como comezas no mundo do motor?
Son Ruth Ortega Macías, teño 30 anos e levo case dez competindo. Pasei por campionatos de España e de Galicia (asfalto e terra) e hai pouco corrín unha proba no Rallye da Coruña, que puntúa para o TER. No meu caso, o motor vén de casa: comecei no karting con tres anos, logo no motocross con oito e, cando tiven o carné, dei o salto aos rallyes.

Como foron os inicios en competición?
Non foi doado. Os primeiros anos custáronme porque entraba nun mundo maioritariamente de homes e, ao principio, todo che esixe máis: adaptarte ao ambiente, aprender como funciona unha carreira de verdade, gañar confianza dentro e fóra do coche e, ao mesmo tempo, demostrar que estás aí polo teu traballo. Houbo momentos nos que pensei en tirar a toalla, non por falta de ganas, senón porque o camiño faise costa arriba cando sentes que aínda te miran con sorpresa ou con dúbidas.

Aí o apoio dos meus pais foi fundamental. Foron quen me sosteron cando eu mesma non tiña tan claro se merecía a pena seguir empurrando. E despois está a parte práctica: sen patrocinadores é moi difícil manterse, porque competir require un investimento constante. Ao final, para seguir, necesitas esa mestura de cabeza, constancia e unha rede que te respalde.

Que che aporta o rally despois de tantos anos?
Sígueme aportando moitísimo: coñecer sitios, coñecer xente e estar aprendendo todo o tempo. No meu caso, ademais, competir ten un efecto moi concreto: axúdame a enfocarme. Teño TDAH e, cando estás dentro do coche, non hai marxe para o 'ruído' mental; obrígate a estar presente e concentrada, e iso a min vénme moi ben. A partir desa experiencia, de ver o importante que é contar con ferramentas e apoio, comecei tamén un proxecto persoal, a asociación Balance 360, para acompañar a persoas con neurodiversidade, especialmente en entornos como o deporte e o motor.

Tamén es coñecida por impulsar un equipo feminino. Como chega esa decisión?
Co tempo acabei creando o que eu considero o primeiro equipo completamente feminino en España, Melmac Rally Factory. Tivo moita visibilidade porque, por desgraza, segue sendo un deporte no que as mulleres somos minoría e iso chama a atención.

En que notas hoxe que segue sendo un deporte moi masculinizado?
Sobre todo na idea que aínda está moi presente de que o motor e a mecánica 'son cousa de homes'. É algo cultural, de moitos anos, e nótase en pequenos detalles: en como se sorprende a xente, en como se fala, en que aínda se ve raro que unha muller estea en certos roles. A historia e os números están aí: na maioría das probas seguen sendo moitos máis homes ca mulleres.

Dito isto, si vexo un avance claro. Nos últimos anos aumentaron moitísimo as copilotas, e iso é unha boa noticia porque significa que hai máis mulleres entrando, participando e formándose dentro do rally. O seguinte paso (e o que custa máis) é que esa presenza medre tamén ao volante. Como pilotos seguimos sendo poucas, pero que haxa máis mulleres no entorno xa é unha base importante para que, co tempo, se vaia normalizando e haxa máis diversidade en todos os postos.

Por que cres que hai máis mulleres de copilotas que pilotando ao volante?
Non teño unha única resposta, porque seguramente é unha mestura de cousas. Ás veces é medo ou respecto: o paso de poñerse ao volante en competición impón, porque hai moita responsabilidade e moito foco sobre ti. Outras veces é simplemente non atreverse, por falta de confianza ou por non ter tido a alguén preto que che diga 'podes facelo'. E tamén inflúe o 'que dirán': aínda hai xente que se sorprende cando ve a unha muller pilotando, e iso pode frear máis do que parece.

Ademais, está o tema dos apoios. Para dar o salto necesitas entorno, equipo, tempo e recursos, e non sempre as rapazas atopan esa rede ao principio. Como copilota talvez se ve unha porta de entrada máis accesible, e paréceme xenial que haxa moitas, porque é unha figura clave e tamén é competición. Pero a realidade é que aínda queda moito para que a participación sexa máis equilibrada e para que máis mulleres se animen tamén a pilotar.

Como se vive ser, ás veces, a única muller piloto nun rallye?
Eu xa o teño normalizado, porque me pasou moitísimas veces. Non me sorprende chegar e ver que son a única ao volante. Ao principio impresiona, porque sintes que destacas aínda que non queiras, pero co tempo asumino como parte do camiño. Eu vou ao meu: a competir, a facer a miña carreira e a traballar co equipo.

Por iso teño tan marcado un día en Navarra, nunha proba do Campionato de España de Terra, na que fomos sete mulleres pilotos. Foi incrible porque, de repente, vías algo que non é habitual: sete mulleres dentro da parrilla. Aquel día pensei: 'isto si que cambia o ambiente', porque o normalizas, sínteste acompañada e a xente tamén o ve como algo natural.

Esa visibilidade convérteche en referente. Sentes iso como unha responsabilidade?
Agora lévoo con normalidade, pero ao principio si que o sentía como presión. Tiña a sensación de que, se o facía ben, abría portas e daba exemplo, pero se cometía un erro, parecía que se miraba con lupa. É como se tiveses que demostrar constantemente que tamén podes estar aí e facelo ben, non só unha vez, senón cada fin de semana.

Ademais, no noso caso había moita exposición polo propio proxecto: buscar mecánicas foi complicado e a presidenta do equipo é a miña nai, así que a xente falaba, opinaba e, ás veces, xulgaba sen coñecer o traballo que hai detrás. Co tempo, cando a xente xa te coñece e ve que estás aí por constancia e por paixón, esa presión vaise calmando. Segues sendo visible, pero xa non o vives desde a tensión, senón desde o orgullo.

Notaches diferenzas na forma de percibir o teu traballo polo feito de ser muller?
Si, sobre todo ao principio. Moitas veces a figura feminina interprétase máis como 'imaxe', e iso condiciona como se fala de ti. Cousas que nun home pasan desapercibidas, nunha muller xeran comentarios, interpretacións ou xuízos que non teñen que ver co deportivo. A min tocoume escoitar de todo, incluso etiquetas moi desagradables, e é duro porque ti o que estás facendo é competir e traballar como calquera.

Aí o único que me serviu foi a constancia. Non aparecer un día e desaparecer, senón manterme, seguir correndo, seguir aprendendo, estar no campionato e que o tempo fale. Co paso dos anos, cando a xente ve que non é unha anécdota, que hai traballo, disciplina e continuidade, a percepción cambia. Pero si, ao principio nótase moito.

Que cres que axudaría a que máis mulleres se animen a entrar no mundo dos rallyes?
Creo que o principal é cambiar a mirada social. Que non sexa noticia ver a unha muller pilotando. Dentro do coche, cando nos poñemos o casco, somos o mesmo: unha persoa competindo. E se iso estivese máis normalizado, habería menos presión e menos medo a ser xulgada. Moitas rapazas non se frean por falta de capacidade, senón pola idea de 'vannme mirar', 'vannme cuestionar', 'vannme sinalar'...

Tamén axudaría que houbese máis apoio e máis rede: que sexa doado atopar un club, unha persoa que che explique os primeiros pasos, un entorno que te acompañe. E máis visibilidade de mulleres en diferentes roles: pilotos, copilotas, mecánicas, enxeñeiras… Porque cando o ves, imaxínaste posible. Se as mulleres se sentisen máis respaldadas e con máis normalidade arredor, moitas darían o paso.

Máis alá do cronómetro, competir tamén ten moita loxística arredor. No teu caso, que aspectos de organización ou de vida tiveches que xestionar e que ás veces non se ven desde fóra?
Competir non é só 'chegar e correr': hai preparación, viaxes, horarios, traballo, familia… e todo iso condiciona moitísimo. No meu caso, por exemplo, a maternidade marcou un antes e un despois: cando fun nai tiven que parar unha temporada, e iso cámbiao todo, porque non é só baixarte do coche, é volver encaixar pezas, recuperar ritmo, reorganizar tempos e prioridades. A partir de aí a actividade baixa ou adáptase, porque xa non dependes só da túa axenda, senón de todo o que hai arredor.

E despois están os detalles do día a día en carreira, que non sempre se contan e que non todo o mundo vive igual: como te organizas, como te moves, como te relacionas dentro do entorno, como sostés unha temporada enteira. Non o digo desde a queixa; dígoo desde a realidade. Este deporte esixe moito e, ás veces, ademais do adestramento e do orzamento, súmanse capas de organización que tamén pesan.

Dirías que se deron cambios nos últimos anos?
Si, e nótanse en varios frentes. Non só en que haxa máis mulleres como piloto ou copilota, senón en todo o que rodea a un rallye. Cada vez vexo máis mulleres en postos técnicos: mecánicas, chapistas, enxeñeiras… e iso para min é un sinal moi importante, porque o automobilismo non é só o tramo: é taller, asistencia, preparación, loxística, equipo humano. Que haxa máis mulleres aí significa que o entorno se vai abrindo e que se rompe esa idea antiga de que o motor 'é cousa de homes'.

Tamén creo que axuda a visibilidade: cando unha rapaza ve a outras mulleres traballando nun parque de asistencia ou dentro dun equipo, normalízao, imaxínase aí e anímase. Aínda falta moito (sobre todo ao volante), pero no día a día si vexo pequenos cambios que, sumados, marcan unha diferenza. E para min iso é avanzar.

Que lle dirías a unha rapaza que quere empezar neste mundo?
O primeiro, que non se frene por respecto ou por pensar que 'non é para ela'. Ao principio todo impón: o ambiente, a técnica, o orzamento, incluso o simple feito de chegar a unha proba e non coñecer a ninguén. Pero ninguén nace sabendo, e o importante é comezar pouco a pouco, con pasos realistas, e non tirar a toalla por un mal momento. Neste deporte hai días bos e días complicados, e o que marca a diferenza é a constancia.

E tamén lle diría que busque apoio e referencias: un club, un equipo, alguén que lle explique como funciona todo. Eu, pola miña parte, sempre ofrezo axuda: teño o contacto do equipo e as redes abertas, poden escribirme ou chamarme. Dáme igual se queren empezar como mecánica, copilota ou piloto; calquera deses camiños é válido e suma. Se podo orientar, compartir experiencia ou simplemente quitar medos do principio, vou estar aí para apoiar no que poida.

 

 

0.18986988067627