Rubén Taboada García, de Kwon Betanzos: 'Aínda que o taekwondo sexa un deporte individual, o traballo é de equipo'

O Kwon Betanzos é un dos clubs de taekwondo con máis traxectoria da contorna, cunha canteira ampla e presenza habitual en competición. A súa actividade arrinca en 1980, polo que en 2026 suma 46 anos en activo. Este sábado 31 de xaneiro, xunto co concello de Betanzos organizan o Campionato cadete e junior de taekwondo, unha proba á que o club chega con máis de vinte deportistas e expectativas de selección. Ao fronte do clube está Rubén Taboada García, director e adestrador, que repasa a historia recente da entidade e pon o foco na disciplina, no traballo mental e no valor do grupo mesmo nun deporte individual.

Levas vinculado ao club desde hai anos. Como foi ese camiño ata chegar á dirección?
Estou vinculado ao club desde o ano 2000. Comecei axudando como monitor de apoio con Marco Carreira, que daquela era presidente e tamén un competidor recoñecido. Entre o 2000 e o 2004 estiven colaborando con él. Nese ano chamárono para facerse cargo do Centro de Alto Rendemento en Madrid e, cando marchou, quedei eu ao cargo de todas as clases. Ao principio estaba máis nas escolas externas e nos colexios, e despois tamén fun asumindo parte da xestión do club. Hoxe son director do club e adestrador de todas as categorías. No taekwondo, a diferenza doutros deportes, non solemos repartir tanto por idades: aquí 'todos facemos de todo'.
Que cambiou para ti cando asumiches esa responsabilidade?
A nivel persoal cambiou moitísimo. En 2004 aínda competía e estaba rematando a carreira universitaria; non tiña claro o camiño que ía seguir. A marcha de Marco foi un momento que me levou a dedicarme a impartir clases e a levantar o club. Ten a súa parte boa e a súa parte mala: traballo no que me gusta, pero ás veces é difícil saber onde está a liña entre traballo e vida persoal, e desconectar para refrescar a cabeza e cargar pilas.
Cando competides fóra, que significa levar o nome de Betanzos por Galicia, por España e por outros países?
En primeiro lugar, é un orgullo. Levamos varios anos conseguindo resultados internacionais e iso fai que en lugares como Serbia, Bosnia ou Holanda cheguen a coñecer o nome de Betanzos grazas ao que están logrando os nosos rapaces. E tamén estamos nun momento bastante 'dourado': eles están madurando, e non só no competitivo, tamén na área persoal.

Que obstáculos aparecen máis a miúdo para seguir medrando a ese ritmo?
O principal é compaxinar o deporte co resto da vida, sobre todo cos estudos. Desde pequenos insístolles moito en que se organicen: non é cuestión de adestrar todos os días ou estudar sen parar, senón de organizarse. Ser constante axuda a compaxinar estudos e deporte, e tamén abre portas de axudas e patrocinios. Por exemplo, fai nada tres das nosas rapazas obtiveron un título de deportista de rendemento de base, e eso facilítalles axudas para poder compaxinar . Por exemplo, poden xustificar faltas académicas cando teñen que competir fora, xa que nestes casos soense perder varios dias de clase e estas axudas permiten seguir competindo. Eu teño a sorte de que o meu grupo é bastante metódico neste aspecto. E máis hoxe en día co tema dos teléfonos, cos que se distraen máis facilmente.
A disciplina é unha palabra que repites moito. Que che interesa que lles quede máis alá do taekwondo?
Dígollo a todos: todo o que fan agora, teñan ou non resultados internacionais, ten que servir para algo. A maneira de traballar, de organizarse, de ser disciplinados, de confiar en si mesmos… ten que servirlles para a vida: para un exame, un traballo ou para dificultades persoais. Hai que estar preparados mentalmente, saber renunciar cando toca e saber distinguir prioridades: 'agora non podo facer isto que me gusta, teño que centrarme noutra cousa'. Se ven un problema, non hai que volverse tolo. E se non hai solución, hai que asumir e seguir adiante e sempre traballar esa parte mental.
Dirías que o mental pesa tanto como o físico?
O mental é terrible; hai que traballalo moito. Hoxe dáselle máis valor que fai anos, pero para min sempre tivo moita importancia. Tamén porque cando eu empezaba tiña que traballar máis para sacar o mesmo rendemento. E agora temos eso de 'se queres, podes'. Eu sempre digo que si… pero con matices: todo o mundo quere gañar un campionato, pero non todo o mundo o vai gañar, so gaña un. E sí, hai que traballar para intentar gañar, pero non só para ser o mellor, senón porque aínda que non consigas ese obxectivo, vas conseguir outros que nin imaxinas.

Nun deporte individual, por que defendes tanto o adestramento en equipo?
Aínda que o taekowndo é un deporte individual, o traballo é grupal: é de equipo. Marcamos obxectivos para mellorar física e tecnicamente, a nivel de elasticidade, coordinación… e cando alguén vai avanzando tamén axuda e motiva aos demais. Non é un método competitivo de 'eu corro máis ca ti'. Eu penso que ten que haber grupo: se hai alguén que vai máis xusto, todo o mundo ten que axudalo para que mellore, porque canto mellor sexa ese, máis vai mellorar o resto. E tamén cando a motivación baixa: se un día alguén está ao 80%, o grupo axúdalle a dar ese 80% e non quedar no 20.

Que dirías que é imprescindible para que Kwon siga crecendo na liña pola que vai?
Dúas cousas: as familias e os apoios. As familias son fundamentais: hai xente que vén de fóra adestrar, que espera, que colabora, e nós intentamos axudalas no que podemos. E tamén é moi importante o apoio institucional: o Concello de Betanzos apóianos e iso é clave. Este deporte xera moitos gastos, como desprazamentos e inscricións, e nós temos a política de reducir ao máximo ese custo para que ninguén teña que deixar de competir por motivos económicos. Familias, institucións e patrocinios son fundamentais para seguir onde estamos.
Este sábado tedes competición en Betanzos, que organizades xunto co Concello. Como chega o club e que pode supoñer para o resto do ano?
Este fin de semana é moi importante para nós, xa temos o campeonato cadete e o junior aquí en Betanzos. Imos participar con máis de 20 rapaces e creo que chegamos con máis opcións ca nunca de meternos na selección galega e, despois, nos Campionatos de España. O ano pasado, por exemplo, metemos a catro e os catro sacaron medalla no Campionato de España. E este ano chegamos con ata dez con moitas posibilidades de entrar na selección galega. O que pase esta fin de semana marca moito: pode orientar os obxectivos do resto do semestre e incluso do resto do ano.
Se falásemos dentro dun ano, que logros che gustaría conseguir?
Tivemos representación nos últimos dous campeonatos europeos cadetes e no último mundial cadete. E se teño que escoller algo, diría conseguir unha medalla ahí, nun campionato de Europa ou no Campionato do Mundo. Si que tivemos medalla no campeonato europeo de clubs, pero non coa selección Española. Eso sería unha barbaridade, algo enorme. Oxalá se cumpra, xa que en número de alumnos estamos moi arriba e casi non podemos coller a máis, e nos grupos pasa igual. En canto a traballo, estou moi contento cos nosos resultados. Así que se teño que escoller, diría eso, unha medalla europea ou mundial.
Nos últimos meses, o Concello de Betanzos puxo en valor o premio para Adrián Maceiras como ‘mellor árbitro internacional’ 2024, o papel de Rubén Taboada como seleccionador galego xúnior e os títulos de Arianna Deibe no Campionato de España cadete, o Kwon Betanzos continuou sumando resultados no arranque de 2026. Un dos máis recentes é o de Paula Purriños, que se proclamou subcampioa galega absoluta no campionato disputado en Tomiño, chegando á final no seu debut en categoría sénior.
