Rouban en Oleiros unha bobina de cobre de 250 quilos valorada en máis de seis mil euros

ACoruñaXa
O Concello pide a colaboración veciñal para esclarecer o roubo ocorrido en Dexo mentres dous operarios municipais traballaban na iluminación pública
OLEIROS cable de cobre
6 Nov 2025

O Concello de Oleiros denunciou ante a Garda Civil o roubo dunha bobina de cable de cobre de 250 quilos, cun valor estimado de 6.340 euros. O suceso tivo lugar onte en Dexo, na avenida Jiménez Herrero, mentres dous electricistas municipais realizaban tarefas de substitución do cableado da iluminación pública.

Segundo informou o Concello, os traballadores tiveron que ausentarse do lugar ás 11.00 horas para atender unha avaría noutro punto do municipio. Cando regresaron ás 11.30 horas, comprobaron que a bobina desaparecera.

Polo seu peso, o material subtraído só podería ser transportado nun camión provisto dunha grúa, polo que se sospeita que o roubo foi planificado. O Concello fai un chamamento á cidadanía para que calquera persoa que puidese ver algo sospeitoso nese intervalo de tempo se poña en contacto chamando ao número 981 610 001.

A Garda Civil e a Policía Local investigan o suceso co obxectivo de identificar e localizar aos autores do roubo.

⚙ Configurar cookies
0.074050903320312