Rosa Otero, proposta para Filla Adoptiva da Coruña polo seu labor social

ACoruñaXa
A proposta será levada á Comisión de Honras a vindeira semana para a súa aprobación
rosa-otero-corunha
6 Mar 2025

O Goberno municipal proporá na próxima Comisión de Honras o nomeamento de Rosa Otero como Filla Adoptiva da cidade. “Quedan moi poucos días para a conmemoración do 8-M. Volveremos saír á rúa para seguir a reivindicar a visibilización das mulleres en todos os ámbitos, e cómpre facelo lembrando figuras que foron e seguen a ser un referente neste sentido, porque persoas como Rosa Otero son un exemplo de valentía na loita polos dereitos das mulleres, especialmente das máis humildes”, sinalou a alcaldesa, Inés Rey.

A alcaldesa destacou que “Rosa nunca esqueceu as súa orixes e nós nunca esqueceremos o seu exemplo, comprometida sempre con amosar o esforzo, a miúde anónimo, das amas de casa, mulleres ás que non se lles recoñeceu o seu papel fundamental á hora de sacaren adiante a súa familia e os seus fogares”.

A proposta será levada á Comisión de Honras a vindeira semana para a súa aprobación, que posteriormente deberá ser referendada polo Pleno do Concello. “Rosa Otero é historia da Coruña e así llo queremos recoñecer”, xustificou Inés Rey.

Rosa Otero Graña naceu en Santiago en 1940 e desenvolveu unha intensa traxectoria no ámbito social. Como presidenta da Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios, liderou iniciativas en defensa dos dereitos das mulleres. Ademais, é presidenta da Asociación Antidroga Antonio Noche, desde a que leva moitos anos traballando na loita contra a drogadicción.

Na mesma Comisión de Honras, prevese aprobar o nomeamento de Ramón Núñez Centella como Fillo Predilecto da cidade. Nado na Coruña en 1946, foi o gran impulsor dos museos científicos coruñeses, un modelo que segue plenamente vixente e que converteu a Coruña nun referente internacional na divulgación científica.

⚙ Configurar cookies
0.34263396263123