Rosa Cedrón e Baiuca dan o inicio ás Festas de María Pita 2025 cunha homenaxe á música galega

ACoruñaXa
Como en edicións anteriores, o Concello da Coruña porá en marcha un dispositivo especial de transporte urbano
maria-pita-25
1 Aug 2025

As Festas de María Pita 2025 arrincan este venres, 1 de agosto, cunha clara aposta pola música e a cultura galega. A praza de María Pita será o epicentro do comezo festivo coa lectura do pregón por parte da recoñecida artista Rosa Cedrón e o concerto de Baiuca, nunha noite que marcará o inicio dunha edición moi especial polo 175 aniversario das festas.

“A súa voz delicada e expresiva convértea nunha das intérpretes máis recoñecidas da música galega contemporánea”, destacou a alcaldesa Inés Rey sobre Rosa Cedrón, quen ás 21.00 horas se asomará ao balcón da Alcaldía para dar o pregón. Cedrón, que comezou como violonchelista e acadou grande popularidade como vocalista de Luar na Lubre, leva anos desenvolvendo unha carreira en solitario na que mestura folk, pop e canción de autor.

A música continuará coa actuación de Baiuca a partir das 22.00 horas. O proxecto liderado por Alejandro Guillán abrirá as Noites de María Pita cunha proposta sonora na que tradición e vangarda se mesturan: pandeiretas, gaitas e cunchas conviven con bases electrónicas para ofrecer unha reinterpretación moderna da música de raíz. “Este 175 aniversario das festas quixemos que arrincaran cunha homenaxe a Galicia e á nosa música, con referentes de distintas xeracións converxendo nun mesmo espazo”, sinalou Inés Rey.

Un 1 de agosto cargado de cultura: libros, artesanía e memoria gráfica
A xornada inaugural inclúe tamén o comezo doutros tres eventos destacados: a Feira do Libro, a mostra de artesanía Mostrart e a exposición As Festas de María Pita a través dos seus carteis.

A Feira do Libro, baixo o lema Onde florecen os libros, abrirá nos xardíns de Méndez Núñez con 36 librarías e editoriais participantes e descontos do 10% ata o 10 de agosto. A escritora e música Lucía Aldao será a encargada de dar o pregón.

No mesmo espazo arranca tamén Mostrart, a feira de artesanía máis importante de Galicia, que este ano contará con máis de 60 obradoiros artesáns —51 galegos e 11 doutras comunidades— organizados en diferentes quendas ao longo de todo o mes.

No Obelisco poderase visitar desde este venres unha mostra especial polo 175 aniversario: As Festas de María Pita a través dos seus carteis. A exposición reúne 40 deseños que repasan a evolución gráfica das celebracións ao longo de tres séculos. Do 18 ao 31 de agosto trasladarase a Marineda City.

Transporte reforzado para facilitar a mobilidade nas Noites de María Pita

Como en edicións anteriores, o Concello da Coruña porá en marcha un dispositivo especial de transporte urbano durante as Noites de María Pita, os días 1, 2, 3, 4, 5, 10, 11, 12, 13, 14, 15, 17 e 25 de agosto. As liñas especiais sairán desde Porta Real a partir das 00.00 horas, coincidindo coa finalización dos concertos.

O dispositivo contará con oito liñas (1, 1A, 3, 3A, 6, 7, 11 e 21) para dar cobertura aos principais barrios da cidade, e con dous servizos nocturnos adicionais desde as 00.05 e 00.30 horas que conectarán zonas como Os Castros, Monelos, Palavea, Eirís, Labañou ou Novo Mesoiro.

As festas comezan cunha programación diversa e chea de propostas para todos os públicos, celebrando a tradición e mirando cara ao futuro cunha cidade que vibra ao ritmo da súa cultura.

⚙ Configurar cookies
0.20074510574341