Rioboo valora positivamente o proxecto da Xunta para a AC-523 en Ledoño

As demandas de veciños e Concello de Culleredo para a mellora da estrada autonómica AC-523 ao seu paso por Ledoño recibiron hoxe un anuncio esperanzador. A Xunta de Galicia comunicou ao alcalde, José Ramón Rioboo, a redacción dun proxecto para incrementar a mobilidade dos peóns, unha reivindicación longamente formulada desde hai moitos anos.
O rexedor trasladou estas peticións na reunión mantida o mes pasado coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue. Rioboo considera que o anuncio é unha “boa nova" para Ledoño, aínda que empraza a coñecer os detalles máis concretos da actuación nun encontro técnico que Xunta e Concello prevén manter de forma inminente.
Rioboo agradece o clima de cooperación institucional e subliña a “total disposición” do goberno local “para definir actuacións que se axusten ás necesidades reais dos veciños de Ledoño”.
O avance transmitido pola Xunta de forma máis clara é a construción de paso inferior para os peóns. O alcalde valora a medida xa que “crear un paso seguro para os peóns foi sempre a gran reivindicación #ante unha estrada autonómica que atravesa a parroquia” e confía en que se materialicen as demais peticións.