Rioboo reúnese coa Plataforma de Afectados de Ledoño para tratar a AC-523

O alcalde José Ramón Rioboo mantivo un encontro coa Plataforma de Afectados de Ledoño para trasladarlles a información recibida da Xunta de Galicia sobre a AC-523. A Axencia Galega de Infraestruturas confirmou a manutención da rotonda no cruzamento coa DP-3102 polo menos ata rematar as obras de seguridade do paso peonil, que se prevé que se prolonguen arredor de ano e medio. A actuación contempla un cruce subterráneo á altura da glorieta intermedia e, unha vez executado, a administración autonómica avaliará novas medidas de seguridade viaria.
A veciñanza anunciou que solicitará unha entrevista coa conselleira de Planificación de Infraestruturas para expoñer preocupacións e demandas, entre elas a defensa da rotonda como elemento de protección peonil. Rioboo enmarca a xuntanza nas reivindicacións que o Concello vén trasladando por escrito e en reunións coa Xunta, e agarda que as peticións veciñais sexan atendidas para adaptar a AC-523 á realidade residencial que atravesa.
Na reunión tamén se abordou a iluminación do treito autonómico: a Xunta comprométese a executar a iluminación integral do vial, mentres que o Concello asumirá o custo do consumo eléctrico.