Riazor prepárase para un Deportivo–Valladolid de alto risco con ampla coordinación policial

O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, presidiu esta mañá a xunta de seguridade previa ao partido que enfrontará este domingo no estadio de Riazor ao RC Deportivo e ao Real Valladolid CF, un encontro declarado de alto risco. Na reunión participaron representantes da Policía Nacional, Policía Local e persoal de Seguridade do club. Abalde destacou 'a plena coordinación entre todos os corpos e institucións implicadas' e subliñou que, aínda que o dispositivo será reforzado pola natureza do encontro, 'non se agardan incidencias nin situacións de conflictividade'.
O subdelegado fixo un chamamento á responsabilidade das afeccións e pediu que a xornada 'transcorra con total normalidade e nun clima de respecto, convivencia e deportividade, porque o fútbol debe ser sempre unha festa e un exemplo dos valores do deporte'.
O choque chega, ademais, nun momento decisivo da tempada. O RC Deportivo sitúase entre os primeiros clasificados da LALIGA Hypermotion, con 16 puntos tras as dez primeiras xornadas, en cuarta posición provisional e loitando polos postos de ascenso directo. Pola súa banda, o Real Valladolid tamén compite na parte alta da táboa, con 15 puntos e situado a pouca distancia, pelexando por meterse de cheo na zona de promoción. Estes puntos son capitais porque só os dous primeiros teñen ascenso directo e os seguintes postos dan acceso ao play-off polo salto á Primeira División.
Riazor vivirá así un duelo directo entre dous equipos históricos que aspiran a regresar canto antes á elite do fútbol español e que chegan á xornada 11 en plena loita polo obxectivo. A previsión é de cheo nas bancadas e un desprazamento de seareiros visitantes, un dos factores que motivan a cualificación de alto risco e o dispositivo especial de control de accesos e movementos arredor do estadio.
As Forzas e Corpos de Seguridade coordinarán controis de entrada, vixilancia perimetral e regulación do tránsito peonil e rodado antes e despois do encontro para garantir unha saída escalonada. O obxectivo, segundo indicou Abalde, é que a xornada sexa 'fútbol e só fútbol'.