Riazor e Orzán convertéronse nun gran escaparate do deporte local no 38º Día do Deporte na Rúa

A Coruña viviu unha auténtica festa do deporte coa celebración da 38ª edición do Día do Deporte na Rúa, un evento xa consolidado no calendario municipal e que nesta ocasión bateu récords de participación. Máis de noventa entidades e clubs deportivos (93 en total) ofreceron unha mostra da súa actividade a través de 63 modalidades diferentes, espalladas pola contorna da cidade deportiva de Riazor e as praias de Riazor e Orzán.
O evento, promovido polo Concello da Coruña, tivo como obxectivo principal visibilizar o traballo das entidades deportivas locais e fomentar a práctica deportiva en todas as idades. Así o explicou o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez: “Desde o Goberno de Inés Rey buscamos o fomento do deporte a todas as idades e, por iso, traballamos da man de moitas asociacións e clubs que hoxe amosan á cidadanía, nun acto multitudinario e en aberto, todo o seu potencial”.
As persoas asistentes tiveron a oportunidade de coñecer e participar en disciplinas moi diversas, desde deportes tradicionais e colectivos ata propostas menos coñecidas, pensadas para todos os públicos. Ademais das exhibicións e actividades abertas, o evento contou con sorteos de agasallos e momentos especiais que contribuíron a crear un ambiente lúdico e familiar.
Esta edición reafirma o compromiso do Goberno local co tecido deportivo da cidade, ofrecendo unha plataforma única para o seu fortalecemento e visibilidade, ao tempo que promove estilos de vida activos entre a poboación.