Riazor convértese no epicentro do baile deportivo coa estrea da I Copa Deputación da Coruña

O Pazo dos Deportes de Riazor acolleu a primeira edición da Copa Deputación da Coruña de Baile Deportivo, unha cita oficial que situou A Coruña como referente galego desta disciplina e que reuniu a máis de 300 deportistas chegados de distintos puntos de España e Portugal. A competición mantivo o pavillón en plena actividade desde primeira hora, cun programa que se desenvolveu entre as 10.30 e as 21.00 horas e que concentrou as probas correspondentes á Copa, principalmente, durante a tarde. Ao longo da xornada, o recinto rexistrou unha notable afluencia, con máis de 4.000 asistentes segundo a organización, que gozaron dun ambiente intenso marcado pola música, a enerxía e coreografías de alto nivel.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, puxo en valor o éxito desta estrea e enmarcou a iniciativa no apoio provincial ao deporte en todas as súas dimensións, 'desde os grandes equipos ata os clubs máis pequenos'. Tamén defendeu que incorporar o baile deportivo ao calendario das Copas Deputación contribúe a 'dar visibilidade a disciplinas espectaculares, con gran talento técnico e en pleno crecemento', e avanzou a intención de manter esta aposta nas vindeiras edicións. Pola súa banda, Sandra García, responsable da organización e xerente da escola UPA Un Paso Adelante de Narón, salientou a acollida do evento e remarcou o seu carácter pioneiro en Galicia por tratarse dunha competición oficial, puntuable para o ránking nacional e con acceso completamente gratuíto para o público. Ademais, subliñou o nivel dos participantes, con presenza de deportistas con recoñecemento internacional, incluíndo campións e campioas do mundo.
A Copa disputouse baixo o regulamento da Federación Española de Baile Deportivo e contou cun panel de sete xuíces, encargados de avaliar as actuacións mediante os sistemas skating e AJS segundo a modalidade. No palmarés desta primeira edición, Kateryna Chepeliuk (Club Apolo Famaliçao, Portugal) impúxose na categoría 1 de single xuvenil e junior, mentres que Noemí Cerdán García (CBD Un Paso Adelante, Narón) foi a vencedora na categoría 2 de single youth, adulto e senior. Na categoría 3 de parellas xuvenil e junior, o triunfo foi para Raúl Romero Sendón e Serena Díaz Toba (Club Arte e Movemento, Cee), e na categoría 4 de parellas youth e adulto gañaron Tomás Gomes e Lara Grigorean (Academia Gindança, Portugal). Na categoría 5 de parellas senior, o primeiro posto quedou en mans de David López Fernández e Jessica García Pérez (CBD Un Paso Adelante, Narón). A xornada pechouse cunha longa ovación do público ás parellas e solistas participantes e co agradecemento da Deputación da Coruña a escolas, clubs, deportistas e familias que fixeron posible esta primeira edición.