Riazor Atletismo pon cara á nova camiseta da C21, coa meta por primeira vez en María Pita

A cidade xa viste a C21. O Concello da Coruña presentou as novas camisetas oficiais do medio maratón Coruña21, nun acto simbólico na praza de María Pita, que este ano será a meta dos 21 quilómetros por primeira vez na historia da proba.
O Club Riazor Atletismo foi o elixido como embaixador desta primeira remesa de equipacións nun 2026 moi especial para a entidade, que cumpre 25 anos. O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, fixo entrega das camisetas á presidenta do club, Margot Garnelo, e ás tres atletas que competirán este domingo: Marisa Barreiro (Máster 4), Adriana Modia e Candela Gómez (senior). No encontro tamén participou o secretario do club, Julio Santiago.
Ademais de poñer o foco na carreira, o Concello destacou o papel do tecido deportivo de base e o traballo formativo do Riazor Atletismo, con escola para nenas e nenos de 6 a 12 anos, etapas de tecnificación entre os 12 e os 18 e adestramentos para deportistas en fase de madurez competitiva.
A XVIII Coruña21 celebrarase o domingo 1 de marzo. A saída do medio maratón será ás 9.30 h á altura do Obelisco, no Cantón Grande, e a 5K arrancará ás 9.35 h.
A organización abrirá desde este mércores 25 a recollida de dorsais e da bolsa do corredor na quinta planta de El Corte Inglés da rúa Ramón y Cajal, con horario de 10.00 a 22.00 h e ata o sábado 28.