Riazor acollerá o domingo 2 de novembro o XXVII Trofeo Teresa Herrera de Judo

O Palacio dos Deportes da Cidade Deportiva de Riazor convértese este domingo, 2 de novembro, no epicentro do judo estatal coa celebración do XXVII Trofeo Teresa Herrera de Judo, organizado pola Federación Galega de Judo e D.A. en representación da Real Federación Española de Judo, e co apoio do Concello da Coruña. O torneo arrinca ás 9.30 h con entrada libre ata completar capacidade e enfrontará a máis de 120 deportistas das comunidades de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León, en categorías masculina e feminina.
A proba integra o Sector Oeste do Campionato de España Absoluto 2025, polo que funciona como clasificatoria para a fase final nacional e como porta de acceso ao circuíto internacional. Galicia presentará unha selección de 58 judokas, dos que 24 pertencen a clubs da Coruña e da súa área metropolitana, con nomes como Judo Club Coruña, Shiai, FIBRA, Bitácora, Oleiros, Bergantiños ou Culleredo, entre outros. As finais están previstas para as 12.00 h e a entrega de medallas e trofeos será ás 13.00 h, nun acto no que participará o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, xunto a representantes federativos e da Xunta de Galicia.
O Goberno municipal subliña que esta cita reforza a aposta da cidade polo deporte de alto nivel e pola promoción de valores asociados ao judo como o esforzo, a igualdade e a superación. Para quen non poida achegarse a Riazor, o campionato poderá seguirse en directo na canle de YouTube da Federación Galega de Judo ('fgjudo'), entre as 9.30 e as 13.00 h.