Rey di estar 'moi disgustada' pola bronca no Pleno e o PP acusa a alcaldesa de actuar como 'hooligan' de Lage

A resaca política da bronca vivida no Pleno municipal da Coruña continúa este venres co intercambio de declaracións entre o Goberno local e o PP. A alcaldesa, Inés Rey, recoñeceu ante os medios estar 'moi disgustada' e afectada polo sucedido e situou o episodio nun plano tamén emocional, ao tempo que pediu desculpas á cidadanía pola imaxe ofrecida. Rey asegurou que non vai consentir faltas de respecto no salón de plenos, pero tamén acusou o PP de tentar levala a un terreo de confrontación persoal.
Pola súa banda, o PP coruñés elevou o ton e, nun comunicado, o seu portavoz, Miguel Lorenzo, cualificou a alcaldesa de 'hooligan' do seu portavoz, José Manuel Lage Tuñas, e denunciou que o ocorrido responde a un 'patrón de conduta' repetido: segundo os populares, Lage insulta e a presidencia do Pleno consíntello e corta a réplica da oposición. O BNG, pola súa parte, pediu que ambas partes recapaciten e rebaixen a escalada.
O enfrontamento estalou no Pleno do xoves (12 de febreiro) cando o concelleiro do PP Antonio Deus vinculou un debate municipal con referencias ás obras nun inmoble propiedade de Lage Tuñas e chegou a acusalo de 'falsear documentación'. Lage respondeu chamándolle 'sinvergüenza' e a tensión foi a máis, ata o punto de que Deus abandonou o hemiciclo e Lorenzo acabou cualificando a Lage de 'matón de feira'. Ante o deterioro do ambiente, Rey decretou un receso e aprazou a sesión ata as 17.00 horas.
O intercambio reactivou tamén o foco no chamado 'caso dos pisos' de Lage Tuñas, despois de que a Fiscalía arquivase as dilixencias ao non apreciar indicios penais, un punto que o Goberno local leva tempo utilizando para rexeitar as acusacións da oposición.