Rey agradece a Bebeto o seu papel para 'poñer A Coruña no mapa do fútbol mundial'

ACoruñaXa
A alcaldesa participou na presentación da biografía autorizada do dianteiro, 'Bebeto. El hombre que acunó el gol', e avanzou que este venres será o encargado de acender o alumado de Nadal na praza de María Pita
A CORUÑA bebeto
27 Nov 2025

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou este mércores na presentación do libro 'Bebeto. El hombre que acunó el gol', celebrada na Área 1906 do estadio municipal de Riazor. No acto estivo acompañada polo propio José Roberto Gama de Oliveira, Bebeto, e polo xornalista coruñés Alexandre Centeno, autor da biografía e presidente da Asociación Galega de Xornalistas do Deporte (Agaxorde).

Rey subliñou que 'Bebeto non foi só un xogador, foi un símbolo, e con el Riazor converteuse no noso Maracaná', e lembrou que os seus rexistros goleadores 'axudaron a colocar á cidade e ao Deportivo no mapa do fútbol mundial'. A rexedora asina o prólogo da obra, na que destaca a pegada que o internacional brasileiro deixou na cidade entre 1992 e 1996, anos nos que se converteu nunha das grandes estrelas do Súper Dépor e da selección do Brasil campioa do mundo en Estados Unidos 94.

Na presentación, Bebeto insistiu en que para el o libro é 'algo máis ca unha biografía, porque conto todo, non me gardo nada', e confesou sentirse especialmente emocionado ao lembrar a figura de Arsenio Iglesias, a quen volveu definir como 'un pai deportivo' na súa etapa na Coruña. A publicación recolle testemuños de figuras do fútbol brasileiro como Romário, Zico, Dunga ou Rivaldo e de referentes do Súper Dépor como Fran, Donato, José Ramón ou Mauro Silva, autor do epílogo, ademais dun artigo do propio Arsenio sobre o dianteiro.

O libro, editado por Agaxorde como primeiro título da colección Lecer Deportivo, ofrece un retrato persoal e profesional do goleador, desde a súa infancia en Bahía ata as súas participacións nos mundiais de 1994 e 1998, e inclúe numerosas fotografías, algunhas delas inéditas da colección familiar.

A alcaldesa aproveitou o acto para lembrar que este venres, ás 19.00 horas, Bebeto será o convidado de honra no acendido oficial das luces de Nadal da Coruña, nun evento aberto á cidadanía que se celebrará na praza de María Pita e coincidirá coa apertura do mercado de Nadal. Rey animou ás veciñas e veciños a achegarse para compartir 'o inicio dunhas festas nas que a cidade volve mirar a Riazor e ao deportivismo con especial ilusión'.

⚙ Configurar cookies
0.07190203666687