Revelados os nomes gañadores da VIII edición do Concurso Quero Cantar

ACoruñaXa
Os premios da Deputación inclúen a gravación dunha maqueta en estudio profesional ou un videoclip da canción
cantar-dep
7 Apr 2025

O Teatro Colón da Coruña acolleu este domingo a gala final da oitava edición do Concurso de música infantil e xuvenil Quero Cantar, organizado pola Deputación da Coruña. O certame volveu converterse nun escaparate de talento emerxente, cun público entregado que encheu as butacas do teatro para apoiar ás novas promesas da música galega.

Na categoría infantil, o primeiro premio recaeu en Gael Ares, un rapaz de 11 anos natural de Fene, que impresionou ao xurado coa súa proposta titulada "Bule Bule". A peza, na que fusiona música tradicional galega con sons electrónicos, evidencia a súa paixón pola música dende moi novo. Actualmente, estuda contrabaixo no Conservatorio de Ferrol e toca a gaita e a percusión tradicional dende os cinco anos.

O segundo posto nesta categoría foi para o grupo Libres, composto por alumnado do CEIP Irmáns Villar, de Ourense, coa canción "Libre", unha peza coral que promove a empatía e a autoestima. O terceiro lugar ocupouno a banda The Escarabots, formada por estudantes do CEIP de Escarabote, en Boiro, que presentaron a canción "Agora sei nadar", centrada na superación do acoso escolar.

Na categoría xuvenil, as gañadoras foron Emma Pérez e Candela Caamaño, alumnas da Escola Municipal de Música de Ames. A súa canción "Preto de ti" foi composta no marco das clases de creación musical e destacou pola súa calidade artística e expresividade emocional. O segundo premio recaeu na banda Interestelares, de Cangas do Morrazo, cun tema titulado "Vai calor", mentres que o terceiro foi para o grupo feminino Wildfire, do IES Alexandre Bóveda de Vigo, que participou co tema "Ladroas", unha peza que nace como resposta á discriminación de xénero no ámbito musical.

Os premios inclúen a gravación dunha maqueta en estudio profesional, un videoclip da canción, material musical e produtos culturais en galego. Ademais, a proposta xuvenil gañadora accederá a un programa formativo específico que inclúe titorización creativa, residencia artística e formación sobre aspectos fundamentais para iniciar unha carreira musical.

A deputada de Cultura, Natividade González Rodríguez, destacou o compromiso da Deputación cun concurso que xa alcanza a súa oitava edición, cuxo obxectivo principal é fomentar a creatividade musical e o uso da lingua galega entre a mocidade. Tamén quixo agradecer a implicación das familias, docentes e centros educativos, afirmando que “nós poñemos os recursos, pero vós sodes a alma”.

Con esta nova edición, Quero Cantar consolídase como unha das principais plataformas de impulso á música galega feita desde a infancia e a adolescencia, abrindo camiño a novas xeracións de artistas comprometidos coa súa cultura e coa creación propia.

⚙ Configurar cookies
0.16195106506348