RESIS 2026 multiplica a súa ambición cunha edición de vangarda e doce estreas absolutas

ACoruñaXa
O festival internacional consolidará entre o 23 de abril e o 30 de maio a posición da Coruña como referencia da música contemporánea cun programa expandido a Santiago, Madrid e Roma
DIPU CORU presentacion resis
9 Apr 2026

A Coruña volverá situarse esta primavera no circuíto da música contemporánea coa novena edición de RESIS, que se celebrará do 23 de abril ao 30 de maio con nove concertos e doce obras en estrea absoluta.

O certame renderá homenaxe ao compositor estadounidense Morton Feldman no centenario do seu nacemento. A súa obra 'Rothko Chapel' abrirá o festival o 23 de abril no Teatro Rosalía de Castro, mentres que a clausura terá lugar o 30 de maio no plató virtual da Cidade das TIC coa estrea de 'Entre Feldman', unha creación de Niño de Elche e Héctor Cavallaro.

Entre os momentos destacados da programación figura tamén a estrea de 'Undersongs', da compositora Chaya Czernowin, ademais da participación de formacións como a Orquestra Sinfónica de Galicia, a Real Filharmonía de Galicia, a Banda Municipal da Coruña e Sigma Project.

Os concertos desenvolveranse en espazos como a Domus, o Teatro Colón, o Palacio da Ópera, o Museo de Belas Artes e o Auditorio de Galicia, en Santiago. Ademais, RESIS volverá ampliar o seu alcance con actividades en Madrid e Roma e cun programa paralelo que inclúe instalacións, accións educativas, obradoiros e encontros profesionais.

A maior parte das entradas serán gratuítas con reserva previa, aínda que algúns concertos serán de pago ou de acceso libre ata completar a capacidade.

0.12508201599121