Residencias Paraíso selecciona aos artistas da súa décima edición con 209 proxectos recibidos

As Residencias Paraíso, programa anual de residencias artísticas pioneiro en danza e artes vivas, xa ten seleccionadas ás e aos artistas que participarán na súa décima edición durante 2026, coincidindo co seu aniversario.
Residencias Paraíso 2026 contará cun total de 25.000 euros, distribuídos entre 10 propostas —dúas máis que na pasada edición— cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 euros por proxecto.
Impulsadas por RPM e co financiamento da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, así como das institucións coprodutoras, que son o Concello de Lugo, Vimianzo, Carballo, Oleiros, Ponteareas, Ribadavia, Deputación de Pontevedra e Fundación Cidade da Cultura de Galicia.
As residencias teñen como obxectivo acompañar aos artistas nun proceso intensivo de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. Segundo o Colectivo RPM, “atravesamos o inspirador proceso de selección dos e das artistas que conforman as Residencias Paraíso. Nos 209 proxectos recibidos nesta edición atopamos unha notable diversidade de linguaxes e enfoques, así como proxectos sólidos cunha mirada crítica sobre cuestións fundamentais da nosa contemporaneidade”. A comisión de selección estivo formada por cinco profesionais do sector: Cristina Planas Leitão, Diego M. Buceta, Laura Tabarés, Félix Fernández e Caterina Varela.
Entre os 209 proxectos presentados nesta convocatoria, a cifra máis alta da súa historia, o Colectivo RPM escolleu a Álvaro Corral Cid & Gabi Reboredo; Blanca Gómez Terán; BFlecha, Mwëslee, Diana Toucedo, Federico Vladimir & Pablo Lilienfeld; Darío Bardam; Disiden.Cia; Fran Martínez; Jandross Rodríguez; Óscar Bueno; Pedro Vilela e Sara Somoza & Ismael Eirexas Romeü como ‘Artistas Paraíso 2026’.
Os espazos que acollerán as residencias entre maio e outubro inclúen o Vello Cárcere de Lugo, o Pazo da Cultura de Carballo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, a Igrexa da Madalena de Ribadavia, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Convento de Santa Clara en Pontevedra, a Fábrica de Oleiros, o Pazo da Cultura de Narón, Artistea en Ponteareas e o Espazo RPM na Coruña.
Ademais, as e os artistas residentes participarán no Encontro Residencias Paraíso, que se celebrará do 18 ao 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.
O programa busca situar a residencia artística como ferramenta clave no desenvolvemento das políticas culturais en Galicia, apoiando todas as fases do proceso creativo e fomentando unha rede diversa de espazos de norte a sur do territorio galego.