Renovación do Consello Escolar Municipal en Culleredo para reforzar a participación da comunidade educativa

O pleno municipal deu luz verde este martes á renovación do Consello Escolar Municipal (CEM), unha actualización coa que o Concello busca reforzar a participación da comunidade educativa na vida escolar do municipio. O acordo saíu adiante por unanimidade.
O CEM é un órgano de asesoramento, consulta e proposta en cuestións que afectan ao día a día dos centros no ámbito local. No seu seo abórdanse asuntos como o transporte escolar, os comedores ou a conservación e mantemento das instalacións educativas, entre outros.
A renovación responde á necesidade de adaptar a representatividade tras os últimos procesos electorais nos consellos escolares e os cambios nas representacións sindical, autonómica e municipal. O Concello sinala tamén que o contexto actual, marcado por transformacións sociais e tecnolóxicas, require respostas coordinadas desde os distintos ámbitos implicados na educación.
Co novo acordo, o CEM queda presidido polo alcalde, José Ramón Rioboo. Os dez membros que corresponde designar á corporación inclúen as direccións dos centros públicos do municipio, a directora do CPR Plurilingüe A Ponte Pasaxe (como centro concertado), a presidenta de ANHIDA (entidade centrada na atención a nenos e nenas con TDAH) como representante asociativa, e dúas persoas especialistas no eido educativo.
Ademais, ratificáronse as persoas elixidas polo resto da comunidade educativa: dez representantes do profesorado propostos polos sindicatos, seis nais e pais, catro alumnos e alumnas e a representación da Consellería de Educación. As funcións de secretaría asumiraas Carmen Veira, pedagoga do Servizo Municipal de Cultura, Educación e Deportes.