Renfe reforza os trens A Coruña–Vigo con máis prazas nas horas punta

Renfe vai aumentar, a partir do 3 de novembro, o número de prazas dispoñibles nos trens de Media Distancia que saen da Coruña cara a Vigo (e viceversa), xa que esta é a conexión ferroviaria máis utilizada no Estado neste tipo de servizo.
A medida consiste en facer circular máis trens en dobre composición. Isto significa que, nos horarios con máis demanda, en vez de un tren habitual circularán dous trens acoplados ofrecendo a mesma viaxe, o que practicamente duplica a capacidade. Renfe calcula que só con este cambio se engaden máis de 4.600 prazas adicionais cada semana neste corredor. Segundo a operadora, isto supón arredor dun 12 % máis de asentos respecto da oferta actual.
Na práctica, o reforzo beneficia directamente a quen se por motivos laborais, de estudo ou de xestións a A Coruña, Santiago, Vilagarcía, Pontevedra ou Vigo, e que moitas veces queda sen sitio nos trens da primeira hora da mañá ou da última franxa da tarde. Renfe programou 18 circulacións semanais con trens da serie 121 configurados ao dobre da súa capacidade, superando as 550 prazas en cada servizo reforzado.
O incremento de prazas vai concentrarse nos tramos e franxas que máis se enchen: días laborables e momentos de hora punta, cando moitas persoas se desprazan entre A Coruña, Santiago e Vigo para entrar a traballar ou volver á casa ao final da xornada. Nos últimos anos xa se recorrera a esta mesma solución —dobrar o tren— despois de pontes ou períodos de vacacións para absorber a demanda no tramo A Coruña–Vigo.
Renfe defende que este aumento de capacidade responde a unha demanda que non deixa de medrar na área da Coruña e no resto do Eixo Atlántico. A compañía lembra que este corredor A Coruña–Santiago–Vigo é hoxe un dos máis utilizados do país dentro dos servizos públicos de Media Distancia.
O obxectivo de Renfe é dobre: por unha banda, reducir a situación xa habitual de trens completos a primeira e última hora; e pola outra, animar a máis xente da área coruñesa a elixir o tren no canto do coche particular, apostando por unha mobilidade máis sostible nos desprazamentos cotiáns entre as principais cidades galegas.