Rematados os traballos de mellora da eficiencia enerxética no edificio anexo ao CEIP A Castellana, en Aranga

ACoruñaXa
A Xunta de Galicia destinou 36.000 euros a estes traballos que consistiron no illamento de ventas e acristalamentos, na climatización do interior e na instalación de sistema centralizado de calefacción
xunta-supervisa-traballlos-ceip-a-castellana
13 May 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou o Concello de Aranga acompañada polo seu alcalde, Alberto Platas, para supervisou as obras levadas a cabo de eficiencia enerxética no edificio anexo ao Ceip A Castellana que contou cunha axuda de máis de 36.000 euros ao abeiro da orde do Fondo de Compensación Ambiental na súa liña non competitiva. Este inmoble municipal emprégase habitualmente para a organización de actividades extraescolares e de conciliación por parte do Concello.

Belén do Campo explicou que con esta axuda levouse a cabo a mellora da eficiencia enerxética deste centro que consistiu por unha banda actuando na súa envolvente co illamento de ventas e acristalamentos, e por outra, na climatización do interior e instalación de sistema centralizado de calefacción.

Segundo sinalou Belén do Campo, a través deste fondo, fináncianse servizos municipais dedicados á protección do medio e medidas destinadas a evitar a degradación ambiental, actuacións de eficiencia enerxética e enerxías renovables, a compra de vehículos con distintivo ambiental, a utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais ou intervencións en núcleos para integrar a contorna natural e campañas divulgativas. Belén do Campo lembrou que este fondo foi creado para distribuír o canon eólico en beneficio da conservación e restauración da contorna, así como do reequilibrio territorial.

Na comarca do Betanzos recibiron estas axudas cinco concellos (Aranga, Curtis, Irixoa, Sobrado e Vilansantar) por un importe total de máis 125.000 euros. A delegada da Xunta lembrou que o ano pasado o Fondo de Compensación Ambiental sumou na súa liña non competitiva un investimento de case 6 millóns de euros para apoiar accións en 109 concellos con parques eólicos no seu territorio, e este ano volven a contar con outros 6 millóns.

A representante do Goberno autonómico incidiu na importancia da colaboración entre o Goberno galego e os concellos para levar a cabo actuacións que redunden no benestar da veciñanza. Nesta liña, Belén do Campo sinalou que este apoio é fundamental sobre todo nos municipios máis pequenos para que poidan levar a cabo iniciativas que en solitario resultaríalles máis complicado ou non serían posibles.

⚙ Configurar cookies
0.16744112968445