Rematadas as obras de renovación integral do parque infantil de Bemantes

O Concello de Miño deu por finalizadas as obras de renovación do parque infantil de Bemantes, situado ao carón do local social da parroquia. A actuación contou cun orzamento de 53.243,63 euros e foi financiada a través do Plan de Obras e Servizos (POS+) da Deputación da Coruña.
Os traballos supuxeron a posta a punto completa do recinto, coa substitución do peche perimetral, a instalación dun novo chan de caucho e a colocación de novos xogos, co obxectivo de ofrecer un espazo máis seguro e adaptado para o lecer da rapazada.
O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, participou na recepción da obra xunto cos concelleiros de Mantemento e Obras e de Servizos Sociais, nun acto no que tamén estivo presente a directiva da Asociación de Veciños A Irmandade. O rexedor salientou que con esta intervención 'mellóranse as condicións de seguridade e accesibilidade do parque', ao tempo que se dota á parroquia dun espazo renovado para as nenas e nenos.