Remata con éxito o II Congreso de Contratación Pública da Deputación

ACoruñaXa
O deputado de patrimonio e contratación falou da necesaria aposta por políticas de contratación estratéxica que combinen a xestión, o control, a responsabilidade, a calidade e o ámbito social con aspectos coma o emprego, a saúde laboral, a conciliación e a solvencia
Imaxe do deputado, Xosé Lois Penas, no II Congreso de Contratación Pública da Deputación da Coruña
3 Apr 2024

O deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Lois Penas, clausurou onte o II Congreso de Contratación Pública, que se celebrou os pasados luns e martes no Teatro Colón da Coruña, organizado pola Deputación da Coruña e dirixido polo propio Penas coa coordinación do xefe do Servizo de Patrimonio e Contratación, Luis Jaime Rodríguez Fernández.

Neste sentido, fíxoo cun relatorio co que defendeu a necesidade de que a política e a administración estean ao servizo da contratación pública: “A nosa aposta debe ser, inequivocamente, por políticas de contratación estratéxica que combinen a xestión, o control, a responsabilidade, a calidade e o ámbito social con aspectos coma o emprego, a saúde laboral, a conciliación e a solvencia”.

Para Penas, as administracións teñen que ser “capaces politicamente de identificar o impacto social de algunhas políticas públicas en materia de contratación, dende o punto de vista da igualdade, da inserción, da cooperación en materia ecolóxica, de transición e, en definitiva, de economía social e circular, primando a proximidade”.

Segundo o deputado, esas políticas teñen que pasar “por solucións integrais e por buscar un punto de equilibrio entre a xestión e o control que prima na lei de contratos, e esa xestión debe ser eficaz e cuns tempos acordes á nosa sociedade para acabar coa burocratización, co excesivo protagonismo do factor prezo, coa lentitude nos trámites e co uso desapropiado dos contratos menores; para loitar tamén mellor contra a corrupción e as malas prácticas e acadar e eficiencia económica, sempre da man da profesionalización dos axentes que intervimos nos procesos e, por suposto, co participación das pemes”.

Xosé Lois Penas tamén falou da importancia do traballo por obxectivos e por “avanzar cara a unha administración pública altamente profesionalizada, non en canto a coñecementos, pero si profesionalizada en canto a beber dos circuítos de xestión e de mellora de todo o noso tecido empresarial: a solución sempre será ese triangulo entre institucións, empresa e coñecemento”. “Insisto”, dixo, “hai que obxectivizar os resultados, porque os resultados serán para todos e todas”.

Unha mellor contratación pública pasa, para Penas, “por sacarlle todo o potencial ao uso das novas tecnoloxías, comezando por ter unha plataforma de contratación pública axeitada ao ano 2024. Debemos avanzar cara a unha dixitalización absoluta, sen esquecer que ningunha innovación tecnolóxica será de utilidade sen o acompañamento dunha revolución organizativa”.

Mediante a intervención de Penas botouse o peche un congreso que reuniu ós mellores profesionais nacionais do sector, en dúas xornadas onde se celebraron case unha ducia de conferencias e mesas redondas e se debateu e reflexionou para atopar puntos de encontro e buscar medidas e instrumentos que permitan conseguir unha maior axilidade e simplificación na xestión administrativa da contratación.

0.16129302978516