A reiteración de incendios en Pastoriza leva ao PSOE de Arteixo a reclamar medidas urxentes de prevención

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo alertou da reiteración de lumes na parroquia de Pastoriza e pediu ao goberno local que adopte medidas de prevención máis efectivas. No pleno celebrado esta semana, os socialistas presentaron un rogo para investigar con detalle os incendios que afectan ano tras ano a esta zona, unha das máis castigadas do municipio.
O portavoz do PSOE, Martín Seco, sinalou que 'a acumulación de lumes en Pastoriza non é casual e require unha análise en profundidade para coñecer as causas e aplicar medidas que realmente freen esta situación, que pon en risco a seguridade da veciñanza e o patrimonio natural'.
Seco advertiu ademais que 'non é asumible que Pastoriza se converta cada verán no epicentro dos incendios de Arteixo sen que haxa unha resposta contundente por parte do Concello, máis aló de agardar ás choivas'.
Entre as propostas socialistas, figura a actualización do plan municipal de incendios, a identificación e limpeza de parcelas segundo o convenio coa Consellería de Medio Rural, e a adopción de medidas preventivas, como limitar queimas, barbacoas ou o uso de fogos artificiais en períodos de máximo risco, seguindo o exemplo doutros concellos galegos.