Regueira reivindica o compromiso da Deputación da Coruña cun turismo sustentábel ante medios internacionais

A Coruña acolle este xoves a III Xornada de Cooperación Turística Internacional, organizada por ASICOTUR, un encontro que converte a cidade nun foro de análise sobre o papel do turismo como ferramenta de desenvolvemento sustentábel. De maneira previa, a Deputación da Coruña recibiu no seu pazo provincial unha delegación da entidade promotora e organizou unha entrevista conxunta do vicepresidente e responsábel da Área de Turismo, Xosé Regueira, con catro medios de comunicación internacionais.
Na conversa, na que participaron xornalistas de México, Perú, Venezuela e España, Regueira expuxo as liñas mestras das políticas provinciais en materia de turismo sustentábel, cooperación territorial e proxección exterior. O vicepresidente incidiu no impulso a un modelo turístico de calidade, respectuoso coa identidade local e co territorio, baseado na colaboración cos concellos e no apoio continuado ao tecido económico e social ligado ao sector.
Os medios amosaron especial interese polas políticas de apoio aos concellos e polos proxectos que están a reforzar a marca propia da provincia, tanto no ámbito gastronómico como no natural e cultural. Entre outros programas, a entrevista permitiu afondar na campaña 'A paisaxe que sabe' e nos mecanismos previstos para garantir que o turismo de calidade non provoque sobrecargas nin perda de autenticidade nos destinos.
Os xornalistas formularon tamén preguntas sobre o impacto das axudas provinciais dirixidas a concellos, entidades culturais, rutas de sendeirismo e vías verdes, así como sobre o modelo de cooperación turística que impulsa a Deputación entre municipios con realidades moi diversas. Outro dos asuntos abordados foi o novo catálogo de produtos paquetizábeis do proxecto Os Fogóns do Anllóns, no que participan sector privado, produtores locais e territorios para crear ofertas ligadas á gastronomía e ao territorio.
A entrevista incluíu ademais cuestións relativas á estratexia provincial de cooperación internacional arredor de destinos naturais como o Xeoparque de Cabo Ortegal, ás posibles alianzas e proxectos europeos para reforzar a proxección exterior da provincia e ao papel que pode desempeñar ASICOTUR neste proceso de colaboración.
Tras a reunión cos medios, Xosé Regueira ofreceu a benvida institucional á delegación de ASICOTUR no salón de plenos da Deputación da Coruña. A III Xornada de Cooperación Turística Internacional reúne este xoves na cidade especialistas de países como Bolivia, México, Perú, Bélxica ou Brasil e abordará ao longo do día o turismo como ferramenta de desenvolvemento sustentábel, a proxección internacional do Camiño e a corresponsabilidade global nun contexto de transformación do sector.