Regresa unha nova edición do Encontro de Teatro Afeccionado de Betanzos
A cidade de Betanzos prepárase para recibir a XVI edición do Encontro de Teatro Afeccionado, que terá lugar na Aula de Cultura Xulio Cuns durante os sábados do 1 ao 22 de febreiro, sempre ás 20.00 horas. Este evento, xa consolidado no panorama cultural da comarca, achegará ao público unha selección de montaxes de grupos teatrais de diferentes localidades galegas. A entrada a todas as funcións é gratuíta ata completar aforo.
O sábado 1 de febreiro Damecuerdaqueteatro (Pontedeume) presenta 'A Besta da illa', un drama recomendado para maiores de 12 anos cunha duración de 80 minutos. A obra narra a historia dun grupo de nenos e nenas que, tras quedar atrapados nunha illa deserta, deben loitar contra a fame e a sede mentres intentan organizarse para a súa supervivencia.
Para o sábado 8 de febreiro, a asociación Cultural Teatro Carauta (Santiago de Compostela) interpretará 'Balas sobre Broadway', unha comedia apta para todos os públicos de 65 minutos de duración. A trama segue os pasos do dramaturgo David Shayne, quen atopa un inesperado mecenas na mafiosa Giovanna Valenti, coa condición de que a súa "amiga", a corista Olive Neil, interprete un dos papeis principais.
O sábado 15 de febreiro, Opaí Teatro (Ferrol) subirá ao escenario con 'De Marzo a Marzo', unha obra que combina drama e comedia e que está dirixida a todos os públicos. Con 75 minutos de duración, a historia reflexiona sobre os feitos acontecidos o 10 de marzo de 1972 en Ferrol, a través da ollada dun rapaz que investiga sobre o tema para un traballo escolar.
Para rematar, o sábado 22 de febreiro, a Agrupación Teatral Mariñán (Betanzos) pechará o ciclo coa comedia 'Croquetas', de 60 minutos de duración. A obra expón a divertida e caótica situación que se xera cando se combina un guión mediocre cun director desastroso e un elenco de actores sen talento nin sentido do espectáculo.