Regresa o servizo de autobuses urbanos á avenida da Marina tras reabrir o tráfico

O Concello da Coruña reabriu ao tráfico a avenida da Marina tras completar os traballos de renovación do pavimento no treito comprendido entre a sede da Autoridade Portuaria e a contorna do Teatro Rosalía de Castro. A actuación, que se enmarca na primeira fase do proxecto de remodelación integral dos Cantóns, supón un avance importante nunha intervención cun orzamento superior aos sete millóns de euros.
A alcaldesa Inés Rey, que este venres visitou a zona acompañada polo concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, e pola concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, destacou que a reapertura supón a volta á normalidade da circulación, mantendo a prioridade peonil da vía. Xa ao mediodía habilitouse o paso para taxis e vehículos autorizados.
Será este sábado 10 cando regrese tamén o servizo de autobuses urbanos á avenida da Marina, recuperando o seu percorrido habitual tras un mes de desvíos pola avenida do Porto. As liñas afectadas son a 1, 1-A, 2, 2-A, 3, 5, 7, 17, 23 e 23-A, que volverán circular pola súa ruta orixinal.
Para facilitar o servizo, habilitáronse de momento catro paradas de autobús entre o Obelisco e a Marina: dúas en sentido cara ao Parrote —nos xardíns de Méndez Núñez, diante do Copacabana, e outra en Porta Real— e outras dúas cara á praza de Ourense —tamén en Porta Real e no Obelisco, no Cantón Grande—. As paradas situadas xunto á calella da Estacada e fronte á Autoridade Portuaria están en proceso de remodelación e serán activadas unha vez rematadas as melloras.
Rey informou tamén do avance da seguinte fase das obras, xa iniciadas entre o Teatro Colón e Entrexardíns. Neste novo tramo estanse a executar traballos para a nova rede de recollida de pluviais, aos que seguirán as actuacións de renovación da iluminación pública e demais servizos municipais. Ademais, a rúa Ambrosio Feijóo permanecerá pechada mentres se acometen melloras no saneamento e o pavimento.
Estas obras forman parte do plan de transformación do centro da cidade, co obxectivo de mellorar a mobilidade, a accesibilidade e a calidade urbana da zona dos Cantóns.