Regresa 'Andares por Galicia' cunha ruta polos Ancares

ACoruñaXa
O programa cultural e natural do Concello de Oleiros propón unha xornada de sendeirismo e patrimonio o sábado 27 de setembro
OLEIROS andares por galicia
9 Sep 2025

O vindeiro sábado 27 de setembro, o Concello de Oleiros organiza unha nova edición de Andares por Galicia: Cultura da Natureza, centrada nesta ocasión nun percorrido polos Ancares. A ruta, que parte desde a Campa da Braña e Avesedo de Donís, inclúe a subida ao Pico Tres Bispos e a visita a múltiples espazos de interese natural e cultural.

Os participantes poderán coñecer a Reserva da Biosfera “Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá”, así como o ZEC Ancares-Courel e a ZEPA Ancares. Ademais, descubrirán lugares emblemáticos como o Pico de Tres Bispos, a Fraga de Cabanavella, a Campa de Brego e a Ría Vara, e desfrutarán da arquitectura tradicional das pallozas, rematando cunha visita ao Museo-Casa Sesto-Piornedo.

O obxectivo do programa é poñer en valor o patrimonio natural, social e cultural de Galicia, fomentando a conciencia ambiental, a convivencia entre os participantes e hábitos de ocio saudables ao aire libre.

A actividade contará con tres guías especializados e ofrece 40 prazas para maiores de idade, cun custo de 23 euros. As preinscricións poderán realizarse preferentemente a través da Sede Electrónica do Concello desde o martes 16 de setembro ás 10.00 horas. Para quen non poida facelo en liña, existirá a opción de inscribirse presencialmente na Fábrica, de 10.00 a 14.00 horas.

Para máis información sobre a ruta e o programa completo, pódese contactar co Departamento de Cultura do Concello de Oleiros, no centro cultural A Fábrica.

⚙ Configurar cookies
0.1773579120636