Regina Giménez gaña o XX Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica, promovido pola Deputación

ACoruñaXa
O xurado reuniuse na sede da Fundación CIEC, Centro Internacional da Estampa Contemporánea, en Betanzos
dep-certame
20 Jun 2025

A barcelonesa Regina Giménez proclamouse gañadora do XX Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica coa obra “Pensar un paisaje”, unha creación que, segundo o xurado, “destaca pola súa frescura no uso da cor, combinando formas ludicamente sinxelas, pero de alta complexidade conceptual e simbólica”. Ademais do premio principal, entregáronse dous accésits para bolsas de formación nun curso do Máster sobre obra gráfica, que recaeron en Pawel Delekta pola súa obra “Lapidarum III” e en Tomás Pariente por “Stripsafter Richter. r XVIII”.

O xurado reuniuse na sede da Fundación CIEC, Centro Internacional da Estampa Contemporánea, en Betanzos, e estivo presidido pola deputada de Cultura, Natividade González. Tamén formaron parte do tribunal José Andrés Santiago Iglesias, José María Luna Aguilar, João Rosa Guerra Prates, Antonia Fraga Lombardero e María Rosario Sarmiento Escalona. Como secretaria actuou Manuela Lorenzo Rodríguez, xefa da sección de Educación e Cultura.

Durante a sesión, estiveron presentes sen voz nin voto Pedro González Galilea, director da Fundación e comisario do certame; María Sánchez Pena, administrativa da Fundación, e Marcos Sánchez, da empresa A Forxa Producións, coordinadora dos premios e certames convocados.

Natividade González destacou a “calidade e o número de obras presentadas, 206, o que fala da importancia e do impacto que ten o premio no ámbito internacional da arte gráfica”. Pola súa banda, Pedro González Galilea expresou o seu agradecemento á Deputación por manter este galardón desde 2006 de forma ininterrompida, “conseguindo que sexa un referente no campo da obra gráfica”. Tamén resaltou “a importancia de que se faga un catálogo das obras que compoñen a exposición itinerante do certame, xa que moitos outros limítanse a un premio e, neste caso, queda o catálogo como referente”.

⚙ Configurar cookies
0.17414093017578