Refórzase a vixilancia en Paderne fronte aos danos reiterados no patrimonio público

ACoruñaXa
O alcalde reuniuse coa Guardia Civil e confirma a presentación da primeira denuncia en firme polos estragos causados presuntamente por maquinaria pesada
PADERNE denuncia sergio platas
8 Feb 2026

O alcalde de Paderne, Sergio Platas, mantivo esta semana unha reunión coa Guardia Civil co obxectivo de analizar novas fórmulas de actuación ante os continuos actos que están a danar o patrimonio municipal.

Nos últimos meses detectáronse afeccións reiteradas nas vías públicas, con gretas no firme que supoñen un risco para a seguridade viaria, así como roturas en cables de alta tensión e de fibra óptica. Estes incidentes xa provocaron interrupcións no subministro eléctrico e nas comunicacións en varios fogares do municipio.

Segundo explicou o rexedor, este luns formalizouse a primeira denuncia en firme para tentar poñer fin a unha situación que, segundo subliñou, se prolonga no tempo. A Administración local elaborou un informe detallado cos danos rexistrados, que apuntan a actuacións realizadas, presuntamente, por maquinaria pesada que accede a espazos de difícil tránsito sen avaliar as consecuencias.

Ademais do prexuízo material, estas accións supoñen un custe adicional para as arcas municipais á hora de afrontar as reparacións necesarias. Tras o encontro, Concello e Guardia Civil acordaron incrementar a vixilancia, mentres que o alcalde advertiu de que haberá tolerancia cero con calquera comportamento que atente contra os bens públicos ou afecte á prestación de servizos básicos.

⚙ Configurar cookies
0.09277606010437