Reformouse o pavillón polideportivo Monte das Moas con máis de 762.200 euros
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou xunto co secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e representantes das federacións galegas de fútbol, baloncesto e patinaxe, na inauguración da reforma do pavillón polideportivo Monte das Moas, na que a Xunta investiu máis de 762.200 euros.
O proxecto de Tejedor y Otero Arquitectos S.L.P., cuxos arquitectos tamén estiveron presentes e explicaron os traballos, incluíu actuacións como a reforma da cuberta, a reparación da estrutura, a renovación do pavimento da pista principal, o saneado da envolvente, pintados e alicatados interiores, equipamentos en vestiarios, así como melloras de accesibilidade e nas instalacións de fontanería, ventilación, protección contra incendios e electricidade.
Diego Calvo puxo en valor o talento do deporte coruñés e do tecido asociativo tanto da cidade como de toda a comunidade vencelladas ao deporte. Segundo explicou, case unha vintena de clubs e entidades beneficiáranse destas actuacións no Monte das Moas para dispoñer destas instalacións axeitadas para a práctica de deporte e actividade física.
Desta infraestrutura fan uso membros da AMPA do IES Monte das Moas e alumnado deste centro educativo, o Club Brincadeira Patinaxe Artística, a Asociación Deportiva Cultural Alquimia in line, 5 Coruña Fútbol Sala, Club Deportivo Galicia Rollers, As Brigantias Roller Derby, Club de fútbol sala Corgal Automóviles KIA Coruña, Club Baloncesto Kempape e Asperga. O alumnado do IES do Monte das Moas puido iniciarse hoxe na esgrima da man dos integrantes do club 100 tolos e as persoas asistentes.
Á reforma neste pavillón de Monte das Moas súmanse ás xa rematadas o ano pasado nos pavillóns de Monte Alto e Agra II por importe de 490.000 e 444.000 euros respectivamente. E a estas melloras sumaranse as previstas en Elviña II por un montante de 760.000 euros. Polo tanto, as actuacións xa realizadas e as que se levarán a cabo nas catro instalacións ascenden a un montante de 2,5 millóns de euros.
Nesta liña, o conselleiro de Deportes reafirmou o compromiso do Goberno galego co benestar e a saúde da cidadanía dotando á poboación galega dunhas instalacións deportivas axeitadas para a práctica do deporte e a actividade física. Así, xunto con proxectos coma estes a Xunta destinou este ano uns 22 millóns de euros a 400 actuacións en infraestruturas deportivas da comunidade.
Neste montante, inclúense 17,5 millóns en instalacións de titularidade autonómica, municipal ou de entidades deportivas, así como os proxectos beneficiarios das axudas de 5 millóns de euros do fondo adicional de Fondo de Cooperación Local para melloras de eficiencia enerxética nestas instalacións.
Cómpre lembrar ademais, que o compromiso da Xunta coas infraestruturas deportivas da cidade coruñesa se estende tamén a outras melloras previstas nos pavillóns de Elviña I, Agra I e Sardiñeira por valor doutros 5,5 millóns de euros, no marco do novo contrato de xestión.
As obras permitirán mellorar unhas instalacións que inclúen piscinas, spa, pavillóns de deportes, salas polivalentes, campos de fútbol e pistas de pádel. En total, 42.000 metros cadrados para a práctica deportiva e para o desfrute do ocio.