Reforma integral no centro social de Ouces para modernizar e mellorar a súa accesibilidade

ACoruñaXa
As obras, cun investimento de máis de 108.000 euros financiados polo Plan Único da Deputación, adaptarán o edificio ás necesidades actuais da veciñanza
BERGONDO local social
22 Aug 2025

O centro social de Ouces “Antonia Pato Pardo”, situado en Cangas (Bergondo), está a ser obxecto dunha reforma integral que busca modernizar as instalacións, reforzar a súa accesibilidade e incrementar a eficiencia enerxética do inmoble. Trátase dun edificio con historia, levantado en 1940 como antiga escola da parroquia, que agora se actualizará para converterse nun espazo versátil ao servizo da comunidade.

O proxecto conta cun orzamento de 108.022 euros, financiado integramente a través do Plan Único da Deputación da Coruña, e abrangue actuacións tanto no interior como no exterior do inmoble.

No interior renovaranse illamentos, chans e carpinterías, ademais das instalacións eléctricas, de fontanaría e calefacción. Incorporaranse sistemas eficientes como unha bomba de calor para auga quente e calefacción por aerotermia. O plan contempla tamén medidas de ventilación e control do radón, garantindo condicións óptimas de salubridade.

Pola súa banda, no exterior prevese a demolición das estruturas de almacenamento actuais para erguer outras máis funcionais, cunha cuberta que harmonice o conxunto. Ademais, melloraranse os accesos mediante escaleiras e ramplas que asegurarán a accesibilidade universal, e instalarase un sistema de drenaxe para evitar humidades.

Tras a reforma, o edificio disporá dunha superficie útil de 100,59 m² e configurarase como un espazo polivalente destinado a actividades culturais e sociais, mantendo a estética rural propia da contorna.

⚙ Configurar cookies
0.39275789260864