Referentes do deporte debaten no INEF de Bastiagueiro como pechar a fenda de xénero

O salón de actos do INEF de Bastiagueiro acolleu unha nova edición da III Xornada sobre a Brecha de Xénero no Deporte, promovida pola área de Deportes da Deputación da Coruña dentro da programación do 8M. A cita reuniu profesionais de distintos ámbitos para analizar as desigualdades que aínda persisten no deporte e poñer sobre a mesa os retos pendentes para avanzar cara a unha práctica máis igualitaria.
O deputado de Deportes, Antonio Leira, abriu o encontro cunha mensaxe clara: o deporte é 'un dos motores máis potentes da nosa sociedade' e un espazo asociado a valores compartidos, pero tamén reflicte fendas que continúan vixentes. Entre elas, apuntou á diferenza salarial, á menor visibilidade mediática, ás dificultades para acceder a postos de dirección e ao desigual apoio en patrocinios, malia os avances dos últimos anos.
Leira incidiu tamén na necesidade de fortalecer os referentes femininos para as novas xeracións, para que nenas e mozas conten con espellos próximos que lles amosen que poden chegar tan lonxe como se propoñan. Nesa liña, subliñou o compromiso da Deputación co impulso do deporte feminino e co avance cara a unha igualdade efectiva nas competicións e programas promovidos pola institución.
A xornada combinou reflexión e formación. A profesora da Universidade de Vigo e investigadora do CIDEGA Marian Fernández Villarino impartiu o taller 'A bioloxía da muller e o adestramento deportivo. O principio de individualización', centrado na importancia de adaptar a preparación ás características fisiolóxicas femininas.
O peche chegou coa mesa redonda moderada pola xornalista deportiva Lucía Dávila, na que participaron a árbitra e exxogadora do Depor Abanca Miriam Ríos, o adestrador do BAXI Ferrol Lino López, a psicóloga do deporte e adestradora de atletismo Mado González e a xogadora do Marineda Hockey e fisioterapeuta Alejandra Martín. No debate abordáronse cuestións como a visibilidade do deporte feminino, as condicións profesionais das deportistas e as trabas que seguen atopando as mulleres para acceder a postos de responsabilidade técnica e directiva.
Leira pechou lembrando que o 8 de marzo é unha oportunidade para facer balance, pero tamén para identificar o que queda por facer, e apelou ao traballo conxunto de institucións, clubs, medios e sociedade para avanzar cara a unha igualdade real no deporte.