Recupéranse os lavadoiros históricos de Palavea e Feáns

ACoruñaXa
A restauración, cun investimento de 25.000 euros, permitirá conservar estes espazos de valor cultural e comunitario para os barrios
Imaxe do lavadoiro de Feáns
28 Out 2024

O Concello da Coruña continúa co seu compromiso pola conservación do patrimonio cultural mediante a restauración dos lavadoiros tradicionais de Palavea e Feáns, espazos con grande valor etnográfico para os veciños e veciñas destes barrios. Esta intervención conta cun orzamento total de case 25.000 euros, destinados á reposición, limpeza e restauración das estruturas, garantindo así a súa preservación e uso comunitario.

No lavadoiro de Feáns, levaranse a cabo traballos de mellora centrados, principalmente, na reacomodación e substitución das tellas en mal estado e na limpeza manual da vexetación no tellado, coa finalidade de evitar futuros danos.

En Palavea, as actuacións incluirán a reparación da cuberta, co lixado e esmaltado das vigas en dúas capas e o barnizado da tarima de madeira. Tamén se renovarán os piares de formigón, muretes de pedra e lousas lavadoras, que recibirán dúas capas de pintura despois dunha limpeza exhaustiva. A maiores, realizarase a eliminación de raíces e vexetación nas paredes da fonte e aplicarase pintura nos elementos metálicos, así como técnicas especializadas para eliminar pintadas.

Aínda que ambos lavadoiros presentan un estado de conservación aceptable, o goberno local de Inés Rey decidiu impulsar estas melloras para garantir a súa conservación a longo prazo. Con esta iniciativa, o Concello reafirma o seu compromiso pola protección do patrimonio local e pola posta en valor dos espazos tradicionais de encontro e memoria colectiva.

0.18692088127136