Récord de participación nos Premios de Boas Prácticas en Servizos Sociais da Deputación

A Deputación da Coruña deu comezo ao proceso de avaliación da V edición dos Premios de Boas Prácticas en Servizos Sociais coa reunión do xurado, presidido pola deputada de Política Social, Mar García Vidal. O certame bate así o seu récord de participación ao rexistrar 64 propostas, unha cifra que reforza o peso do tecido social da provincia e o interese crecente das entidades por este recoñecemento.
Os premios están dotados con 42.000 euros, repartidos en seis categorías de 7.000 euros cada unha. Cinco delas distinguen proxectos de investigación científica no ámbito dos servizos sociais, iniciativas desenvolvidas no rural, programas centrados en persoas maiores, discapacidade e dependencia, actuacións dirixidas á familia, infancia e adolescencia, e propostas de inclusión social. A sexta categoría servirá para recoñecer a traxectoria dunha entidade polo seu labor continuado e polo seu compromiso co benestar social.
A valoración das candidaturas terá en conta cuestións como a calidade técnica, o impacto social, a innovación e a sustentabilidade das iniciativas presentadas. Desde a área de Política Social destacan que este aumento da participación evidencia o dinamismo das entidades e a súa implicación na mellora da atención ás persoas máis vulnerables. O fallo darase a coñecer o vindeiro 24 de abril nun acto público en PALEXCO, onde a institución provincial poñerá en valor o papel destas organizacións na inclusión, a cohesión social e o benestar da provincia.