Récord de participación a XXXIII edición do Campionato de España de Dominó por Parellas en A Coruña

A Coruña clausurou a XXXIII edición do Campionato de España de Dominó por Parellas, un evento que reuniu máis de 500 participantes chegados de todas as comunidades autónomas e que tivo lugar no Hotel NH Collection Finisterre. O acto de peche contou coa presenza do deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, quen destacou o excelente nivel competitivo da cita, así como a organización conxunta das federacións galega e española.
Leira subliñou ademais o compromiso da Deputación coa promoción de todas as disciplinas deportivas (tamén aquelas menos mediáticas como o dominó, un xogo profundamente enraizado en Galicia).
A parella formada por J. Salomón Vergara Albornoz e Manuel Sánchez Cabana, en representación de Barcelona e Galicia, proclamouse campioa despois dunha fase final moi igualada. O segundo posto foi para Alfonso Ruíz Correa e Diego Osete Fuentes, procedentes de Murcia, mentres que o terceiro lugar recaeu en Fernando Leal Gutiérrez e Manuel Rodríguez Domínguez, representantes de Málaga.
A organización salientou o ambiente de deportividade e o elevado nivel exhibido en todas as partidas, consolidando A Coruña como un referente na acollida de eventos deportivos de relevancia estatal.