Récord de 5.000 inscricións e prazas esgotadas para o C21 e os 5K do 1 de marzo na Coruña

A Coruña xa corre antes de que soe o disparo de saída. O medio maratón C21 e a proba dos 5K pecharon inscricións cun récord histórico: 5.000 persoas anotadas para a xornada do 1 de marzo, con 3.000 na C21 e 2.000 nos 5K, e as prazas esgotadas con tres semanas de antelación.
O tirón foi tal que a organización ampliou a bolsa prevista inicialmente no medio maratón, pasando de 2.500 a 3.000 dorsais para responder á demanda acumulada nas últimas semanas. A cota máxima completouse onte e, con ela, quedou atrás a marca máis alta rexistrada ata o de agora, que databa de 2015.
Tamén a carreira de 5 quilómetros confirma o seu crecemento. Este martes alcanzou o límite de 2.000 prazas e superou os datos das tres edicións anteriores nas que acompañou á media maratón: 1.604 en 2023, 1.316 en 2024 e 1.994 en 2025.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, puxo en valor unhas cifras que, ao seu xuízo, consolidan a cidade como escenario de grandes eventos ao aire libre. Nesa liña, avanzou que o calendario deportivo reforzarase o vindeiro ano coa celebración do Campionato de España de Ruta, que integra as probas de Milla, 5K e Medio Maratón.
A proxección da cita tamén medra fóra de Galicia. A C21 foi incluída este ano no Global Calendar de World Athletics, un selo que permitirá que as marcas acadadas na carreira computen para o ránking mundial.
A edición de 2026 traerá, ademais, un detalle especial na meta: as persoas que completen a C21 recibirán unha medalla ‘finisher’ inspirada no punto de chegada, a praza de María Pita, que por primeira vez marcará o final do percorrido. Coas prazas xa cubertas, o Concello e a Federación Galega de Atletismo avanzan estes días na organización dos servizos de asistencia, con elementos como WC portátiles, roupeiro, duchas e avituallamento.