'Reconversión' arrasa nos Premios María Casares e marca unha noite de reivindicación para o teatro galego

ACoruñaXa
A produción de Ibuprofeno Teatro foi a gran vencedora da 30ª edición con seis galardóns nunha gala celebrada no Teatro Rosalía Castro da Coruña, onde tamén brillaron Fran Lareu, 'A serie clopen' e 'TROMSØ'
A CORUÑA xxx premios maria casares
9 Apr 2026

O teatro galego viviu na noite do 8 de abril unha das súas citas máis sinaladas coa celebración dos XXX Premios María Casares no Teatro Rosalía Castro da Coruña. A gran protagonista da gala foi 'Reconversión', de Ibuprofeno Teatro, que confirmou a súa condición de favorita e pechou a velada cun total de seis premios, converténdose na montaxe máis recoñecida desta edición.

A obra, que chegaba á cerimonia con 11 candidaturas, fíxose cos galardóns a Mellor Espectáculo, Mellor Dirección para Santiago Cortegoso, Carlos Álvarez-Ossorio e Natalia Feijoo, e Mellor Texto Orixinal para o propio Cortegoso. O palmarés completouse cos premios a Mellor Espazo Sonoro para Alonso Caxade, Mellor Actor Secundario para Fran Lareu e Mellor Actriz Secundaria para Cristina Collazo.

A gala tamén deixou outros nomes propios. Fran Lareu foi un dos grandes triunfadores da noite ao conseguir un dobre recoñecemento: Mellor Actor Protagonista por 'Un tal Romeo' e Mellor Actor Secundario por 'Reconversión'. Pola súa banda, 'A serie clopen', produción do Centro Dramático Galego, acadou dous premios, coa distinción a Natalia Pajarito como Mellor Actriz Protagonista e a Marta Alonso Tejada por Mellor Dirección de Movemento.

Outro dos títulos destacados foi 'TROMSØ', de Morraoconto, que sumou dous galardóns nos apartados técnicos, ao levar os premios de Mellor Espazo Escénico e Mellor Iluminación. Tamén sobresaíu 'Berenguela na gaiola', de Galeatro e Xarope Tulú, recoñecida como Mellor Espectáculo Infantil e premiada tamén na categoría de Adaptación/Tradución. Ademais, 'A Biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica', de Tanxarina, levou o premio ao Mellor Espectáculo de Monicreques, Obxectos e Figuras Animadas.

Máis alá do reparto de premios, a 30ª edición dos María Casares estivo marcada por un ton emotivo e reivindicativo. A presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Eva Fórneas, aproveitou a apertura da gala para poñer o foco na situación do idioma e reclamar un maior compromiso das institucións públicas co sector. No seu discurso, advertiu da necesidade de actuar para frear a hexemonía do castelán e reclamou un apoio real ao tecido profesional das artes escénicas galegas.

A cerimonia, dirixida por Gloria Rico, estivo dedicada á figura de Manuel Lourenzo, referente esencial da dramaturxia galega falecido o pasado verán. Lonxe dun ton exclusivamente solemne, a gala apostou por converter a homenaxe nunha celebración da súa vida e da súa obra, combinando música, humor e momentos de gran carga simbólica e poética. Un dos instantes máis intensos foi o In Memoriam dedicado ás profesionais e aos profesionais das artes escénicas falecidos en 2025.

Outro dos momentos centrais da noite foi a entrega do Premio de Honra Marisa Soto a Luma Gómez, en recoñecemento á súa traxectoria e ao seu compromiso co teatro galego. A lectura do Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro 2026, escrito por Carlos Callón, reforzou tamén o carácter reivindicativo dunha gala que volveu situar os María Casares como o gran escaparate das artes escénicas do país.

Co broche final dunha celebración colectiva sobre o escenario do Rosalía, a edición número 30 dos premios deixou unha mensaxe clara: o teatro galego mantén a súa forza creativa, a súa capacidade de emocionar e tamén a súa vontade de defender a lingua e a cultura propias.

0.13006496429443