Reclaman máis seguridade na AC-400 entre Sueiro, Sésamo e Celas

ACoruñaXa
O Concello de Culleredo impulsa unha moción plenaria en apoio ás demandas veciñais e esixe á Xunta un proxecto con prazos definidos
CULLEREDO ac400
5 Sep 2025

O Concello de Culleredo dá un paso máis no apoio ás reivindicacións da veciñanza para aumentar a seguridade viaria na estrada autonómica AC-400, no tramo que conecta Sueiro, Sésamo e Celas. Tras anos de reclamacións sen resposta por parte da Xunta, os residentes impulsaron unha recollida de firmas que acadou arredor de 400 apoios e convocaron unha mobilización para este sábado 6 de setembro, coa colaboración do goberno municipal.

O grupo socialista presentou unha moción que se debaterá no Pleno do vindeiro martes 9, co respaldo xa confirmado do BNG —que introduciu melloras no texto— e de Alternativa. A proposta podería converterse en declaración institucional se tamén recibe o apoio do PP, algo que aínda non foi confirmado.

O documento insta á Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), organismo responsable da vía, a elaborar e aprobar de inmediato o proxecto técnico necesario, fixando un calendario claro de licitación e execución que quede reflectido nos orzamentos de 2026. Ademais, sublíñase a importancia de que as beirarrúas sexan continuas e dean servizo a todos os núcleos afectados, garantindo a seguridade de peóns e vehículos.

Dende o Concello insisten en que acompañarán á veciñanza nesta loita, que cualifican de 'xusta e necesaria', e urxen á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade a atender sen máis atrasos unha demanda que afecta directamente ao benestar e á protección das persoas.

⚙ Configurar cookies
0.1821460723877