Reclaman desde Carral a modernización inmediata da EDAR do Quenllo

ACoruñaXa
O goberno local alerta de que a estación depuradora non cumpre cos estándares e solicita a intervención da Xunta de Galicia
Depuradora Carral
25 Aug 2025

O Concello de Carral reclama de maneira urxente a modernización da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) do Quenllo, que presenta graves dificultades para xestionar os caudais da poboación urbana e das zonas de Tabeaio, Sergude, Gosende, Corpo Santo e o Polígono Industrial Os Capelos. A instalación, construída pola Xunta hai 19 anos nos terreos próximos ao río Brexo, vertía historicamente ao río da Brexa, afluente do Mero.

Segundo o goberno local, a tecnoloxía actual da depuradora resulta insuficiente para tratar a variabilidade de caudais e a carga contaminante, o que provoca que a auga vertida non sempre cumpra os estándares ambientais, motivo polo cal Augas de Galicia emitiu varias advertencias.

En decembro de 2024, o alcalde de Carral, Javier Gestal, solicitou formalmente á Xunta de Galicia a renovación inmediata da depuradora, subliñando a súa importancia para a saúde pública e a conservación do medio ambiente. A poboación de Carral, que se achega aos 7.000 habitantes e que se prevé que medre nos próximos anos grazas á reactivación de diversas promocións urbanísticas, aumenta a presión sobre a infraestrutura.

O Concello non conta con recursos propios para substituír a EDAR, cuxo custo se estima en máis de 4 millóns de euros. Por iso, o goberno local insta á Xunta a adoptar medidas inmediatas que garantan un tratamento adecuado das augas residuais, protexendo a saúde pública e asegurando o cumprimento das normativas ambientais.

⚙ Configurar cookies
0.078146934509277