Recepción oficial en Oleiros a Lucas Yáñez, campión de Europa de patinaxe artística

O Concello de Oleiros celebrou unha recepción oficial ao patinador Lucas Yáñez, recentemente proclamado campión de Europa de patinaxe artística. O alcalde, Ángel García Seoane, e a concelleira de Deportes, Teresa Vázquez, recibiron ao deportista na Casa do Concello, onde lle fixeron entrega dunha placa conmemorativa como mostra do recoñecemento institucional ao seu destacado logro deportivo.
Lucas Yáñez, veciño de Dorneda, é actualmente unha das figuras máis destacadas da patinaxe artística a nivel mundial. Con tan só 21 anos conta cunha brillante traxectoria que inclúe, ademais deste último título europeo, dous campionatos mundiais. O seu talento, acompañado dunha actitude humilde e próxima, fixo del un referente para a mocidade e un motivo de orgullo para todo o pobo de Oleiros.
O patinador comezou a súa relación co deporte aos tres anos, practicando disciplinas como fútbol, judo, natación e patinaxe nas instalacións municipais. Finalmente, decantouse por esta última no club Patín Maxia, movido pola paixón e polas súas destacadas habilidades. A súa carreira, marcada polo esforzo e a constancia, levouno a acadar a vitoria en practicamente todas as competicións nas que participou, grazas a un intenso plan de adestramentos diarios e unha enorme dedicación persoal.