Ramón Núñez Centella, nomeado Fillo Predilecto da Coruña polos seus logros na divulgación científica

O salón de sesións do Palacio Municipal de María Pita acolleu un acto de recoñecemento ao divulgador científico Ramón Núñez Centella, que foi nomeado Fillo Predilecto da Coruña. A cerimonia, presidida pola alcaldesa Inés Rey, contou coa presenza de membros da Corporación Municipal, representantes políticos de etapas nas que Núñez exerceu como director dos Museos Científicos Coruñeses, así como familiares e amizades do homenaxeado.
Durante a súa intervención, a rexedora destacou a traxectoria e o legado de Núñez Centella, figura clave na historia museística da cidade. “Moncho Núñez é considerado por moitos como un dos pais da museoloxía científica en España, Europa e boa parte do mundo”, afirmou Inés Rey.
Nacido na Coruña en 1946, Ramón Núñez foi o impulsor do que hoxe se coñece como a rede dos Museos Científicos Coruñeses, integrada pola Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae. Estes tres espazos de referencia en divulgación científica foron deseñados baixo a súa dirección e convertéronse, segundo palabras da alcaldesa, nunha experiencia museística pioneira: “baixo a súa dirección crearon un modelo e unha experiencia museística modélica como vangarda do país, sentando as bases doutros moitos espazos do mundo”.
O nomeamento chega ademais nun momento especialmente significativo: este domingo 1 de xuño conmemorouse o 40 aniversario da inauguración da Casa das Ciencias, celebrada no ano 1985 no parque de Santa Margarida. Núñez participou o pasado venres no acto conmemorativo organizado polo Concello diante do museo, un espazo que simboliza o inicio dun proxecto que revolucionou a maneira de divulgar a ciencia.
“Grazas a Moncho e ao goberno municipal encabezado por Francisco Vázquez que impulsou esta rede de museos, a ciencia na Coruña tócase, mírase, síntese e, sobre todo, enténdese, transformando a curiosidade dun neno en coñecemento”, salientou Rey, quen tamén reiterou o seu compromiso co mantemento e a mellora destes espazos de divulgación.
A alcaldesa definiu a Ramón Núñez como “alguén que representa como ninguén a esa cidade aberta, inqueda e interesada polo coñecemento que é A Coruña, desde unha visión tamén lúdica, unha cidade que está no mapa mundial da divulgación científica grazas a Moncho”.